Microsoft estuda lanzar o Windows 8 no 2012

martes, 29 de xuño do 2010 Raquel Noya

Entre os documentos filtrados coméntase que Windows 8 incorporará recoñecemento facial

Recoñecemento facial, imaxes en 3D e conexión sen fíos ao televisor son algunhas das novidades que vai presentar o novo sistema operativo de Microsoft, o Windows 8, que xa leva un tempo testando o español, Francisco Martín García, e que salíu á luz por ter filtrado na Rede unha serie de documentos corporativos con información de utilidade nos que se recollen as liñas de mellora que a compañía quere implantar nesta nova versión. Segundo apuntan en La Voz de Galicia, algúns destes documentos, que datan do 2009, están clasificados como confidenciais e recollen as características máis salientables do Windows 8, tales como o sistema de recoñecemento facial do usuario como medida de autenticación e a redución ao mínimo do tempo de arranque do computador. Os textos suxiren, asemade, que a luminosidade da pantalla axustarase automáticamente tendo en conta a luz ambiental e que o sistema operativo presentará melloras na eficiencia enerxética do ordenador. Malia que aglúns expertos sitúan o seu lanzamento en 2012, polo momento dende Microsoft non se fixo ningún anuncio sobre o Windows 8 e unicamente se agardan actualizacións de Windows 7. O que sí se fixo dende a compañía foi anunciar a posible apertura dunha tenda en liña para que os desenvolvedores “poidan comercializar aplicacións pensadas para traballar co Windows 8”, así como a convocatoria de foros periódicos cos fabricantes nos que analizar as melloras das súas ferramentas.

PUBLICIDADE