Microsoft inviste 300 millóns de dólares en contar a súa historia

venres, 5 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Ás veces nin sequera os grandes de Internet son infalibles. De feito, se cadra por estar á vista de todos ou se cadra por estar máis arriba e haber máis distancia ó caer, o certo é que en ocasións semellan os que mais paus reciben. De paus e sobre todo de contrapaus é do que vai tratar en boa medida a iniciativa posta en marcha por Microsoft apoiada nun investimento de 300 millóns de dólares e nun obxectivo ben claro: mellorar a imaxe que o mundo ten do seu sistema operativo Windows Vista e, de xeito complementario, responder cun aquel de humor ós anuncios lanzados por Apple nos que se trataba de pór en evidencia ás supostas eivas do PC en relación co Mac.
A iniciativa de Microsoft que vai coller corpo malia ás mais de 180 millóns de licenzas vendidas de Vista dende o lanzamento en 2007 (polo que a primeira vista non semella crucial para o futuro da empresa), semella ir dirixida a ceibar á propia compañía e aos seus produtos da imaxe de antiga que os seus detractores teñen dela.
A campaña, que xa se pode ir albiscando nun vídeo publicado en YouTube no que sae o propio Bill Gates nunha zapatería xunto co cómico Jerry Seinfeld, vén a ser para a casa de Redmond como darse unha oportunidade a si mesma para exercer un dereito ben antigo: contar a súa propia versión dos feitos vinculados ao Vista. “Xa chegou a hora de que contemos a nosa historia”, comentou perante a axencia Reuters o vicepresidente corporativo de Microsoft, Brad Brooks.


Anuncio que xunta a Bill Gates e Jerry Seinfield

PUBLICIDADE