Microsoft maniféstase contra o canon dixital

xoves, 26 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Rosa María García, actual presidenta de Microsoft Ibérica

A presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa María García, manifestou que a súa empresa está contra o canon dixital porque non consideran axeitado tomar unha medida que chama “presuntamente ladróns” ós seus usuarios.
García incluso menciona que se cobrasen ós seus clientes tódalas licenzas instaladas duplicarían a súa facturación, o que sería moi positivo para a empresa, que podería mellorar o seu cadro de persoal e a súa atención ós clientes, pero coidan que o xeito de regular a situación debe basearse na educación que faga que os usuarios respecten a propiedade intelectual do mesmo xeito que fan coa propiedade física, e coas forzas policiais (que perseguen a quen infrinxe a lei) pero non incorporando taxas indiscriminadas.
Hai que indicar que a piratería é algo que afecta de xeito importante a Microsoft, polo que estas manifestacións suman oposicións a un canon que só parecen apoiar dende as asociacións de xestión de dereitos de autor (como a SGAE), que por outra banda son os beneficiados destas cargas económicas a produtos de electrónica de consumo (mentres que a piratería de software, aínda máis afectada que a industria musical, non recibe compensación de ningún tipo).

PUBLICIDADE