Microsoft ofrece unha versión preliminar do seu novo Office para Mac

venres, 6 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos o paquete ofimático de Microsoft chegaba a ordenadores de Apple un ano despois que para PC, para quedar logo conxelado o produto, de xeito que tras Office 2013 para PC non chegou Office 2014 para Mac, o que finalmente vai solucionarse dun xeito que agradecerán os usuarios de OS X, xa que no segundo semestre do ano estrearase un novo Office para Mac, ou sexa, que Windows e OS X sincronizarían as súas versións.
Para que os usuarios poidan comezar a experimentar co novo paquete ofimático de OS X Microsoft vén de lanzar unha versión preliminar que pode empregarse de balde, e que contará con actualizacións periódicas, de xeito que nos vindeiros meses poderase comprobar en primeira persoa como este software ofimático evoluciona até converterse nunha aplicación de escritorio digna das actuais pretensións de Microsoft, que quere deixar os sistemas operativos nun segundo lugar, priorizando a nube e o contorno móbil. De feito, a renovación de Office para Mac promoverá a contratación do servizo Office 365, para que os usuarios subscriban un servizo anual (que, aparte do software, tamén inclúe almacenamento en OneDrive e minutos en chamadas a teléfonos a través de Skype) garantindo que terán sempre a última versión das aplicacións estrela de Microsoft.
A versión preliminar de Office para Mac é compatible cunha versión anterior de Office 2011, de xeito que pode probarse o novo software podendo recorrer ás anteriores aplicacións para as tarefas máis importantes (nas que non se queira correr o risco de empregar software de proba).
Aínda que xa van 5 anos dende o anterior Office, a nova versión preliminar non cambia radicalmente a súa interface de usuario, senón que limítase a unha actualización máis suave, evitando así o rexeitamento dos usuarios (como ten acontecido en cambios importantes do Office, como cando adoptaron a interface ribbon), pero facilitando que, como acontece en Office 2013 para Windows, os equipos con OS X poidan gozar dunha solución ofimática máis orientada á nube, o que resulta especialmente atractivo agora que hai aplicacións oficiais deste software para smartphones e tabletas (polo que empregar OneDrive supón poder acceder aos documentos dende distintos dispositivos).

PUBLICIDADE