Microsoft prepara importantes melloras para PowerPoint

venres, 13 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A aplicación que domina as presentacións profesionais é, sen sombra de dúbida, o PowerPoint de Microsoft, pero a compañía de Redmond non quedou conforme cos cambios introducidos en Office 2016 e ve que hai espazo para a innovación, polo que está a ofrecer aos subscritores de Office 365 un par de novas ferramentas para poder gozar de novos deseños e transicións, estando estas ferramentas dispoñibles para os usuarios que queiran participar no novo programa Office Insider, que permite probar as novidade de Office antes do seu lanzamento oficial.
Con PowerPoint Designer é posible crear diapositivas de alta calidade en segundos, xa que ao arrastrar unha imaxe na presentación a ferramenta fai unha serie de suxestións de deseño moi elegantes, para que poidamos elixir a que máis se adapte ás nosas necesidades ou ao noso gusto, permitindo que o usuario perda menos tempo na estética e se centre máis no contido.
Designer consegue facer isto grazas a un sistema de análise de imaxe combinado con tecnoloxía de deseño automatizado, o que foi posible grazas á colaboración con deseñadores gráficos profesionais que desenvolveron máis de doce mil deseños que serven de referencia para compor os nosos contidos. Así, por exemplo, cando engadimos unha escena natural, Designer pode ampliar, recortar ou enmarcar a imaxe, pero se incluímos un gráfico, o foco recae na rexión relevante para poder destacar os datos importantes.
Esta ferramenta está aínda nunha versión inicial que irá evolucionando considerablemente nos vindeiros meses, en boa medida porque mellorará en función do uso que se vaia facendo de Designer durante a súa fase preliminar.
Con Morph, en cambio, o que busca Microsoft é a creación de elegantes animacións entre diapositivas, para o que non só anima texto e imaxes, senón que incluso pode animar formas tridimensionais ou pode aplicarse a nivel de letras ou palabras (incluíndo a manipulación do espaciado). Para probar esta tecnoloxía chega con que dupliquemos unha diapositiva, e na segunda composición movamos os elementos e logo premamos no botón de Morph na sección de Transicións para ver como o sistema realiza unha transición de calidade cun único clic.
Aínda que PowerPoint Designer e Morph chegará a todas as plataformas de Office nos vindeiros meses, polo momento só están dispoñibles para subscritores de Office 365 coas versións para Windows de PowerPoint 2016.

PowerPoint Designer e Morph en vídeo

PUBLICIDADE