Microsoft presenta en Barcelona o futuro Windows Phone 7

luns, 15 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

O conselleiro delegado de Microsoft, Steve Ballmer, presentou este serán no Mobile World Congress o que será a futura versión do sistema operativo para móbiles da súa compañía, que responderá ao nome de Windows Phone 7 Series, coma unha renovación absoluta da plataforma móbil de Microsoft, que engade entre outras prestacións a plataforma de xogos Xbox LIVE e as prestacións multimedia do Zune, cunha interface orixinal que non busca imitar o que está a facer actualmente a competencia, chegando a sorprender como proposta por parte dunha empresa tradicionalmente conservadora neste ámbito.
A interface de usuario do Windows Phone 7 divide as aplicacións en áreas chamadas hubs, que serían: Xente (contido relativo aos nosos contactos e ás redes sociais), Imaxes (para compartir fotografías e vídeos), Xogos (integración con Xbox LIVE), Música+Vídeo (o reprodutor multimedia Zune levado ao móbil, incluíndo as súas funcións sociais de recomendación e compartición de música), Marketplace (tenda de descargas) e Office (versións móbiles do paquete ofimático de Microsoft).
Steve Ballmer declarou estar «orgulloso de presentar Windows Phone 7 Series» coma consecuencia do reto que expuxo aos seu equipo de desenvolvemento, ao que innovaran na creación dunha nova experiencia móbil, o que parece que conseguiron, cunha interface orientada ao seu uso en terminais táctiles, cun escritorio dividido en paneis dinámicos, personalizables e de grande tamaño, que permiten navegar polos contidos do móbil, aínda que para concretarse nunha realidade deberemos agardar ao Nadal, cando chegarán os primeiros móbiles coa agardada renovación dende cero do sistema operativo móbil da compañía de Redmond.


Vídeo de presentación das principais características de Windows Phone 7 Series


A xente de Engadget puido probar en primeira persoa un adianto do que será o Windows Phone 7 Series

PUBLICIDADE