Microsoft presenta no E3 novos xogos, melloras para Xbox LIVE e o Proxecto Natal

luns, 1 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Esta tarde Microsoft quixo colocar sobre a súa cabeza a coroa da feira de videoxogos E3, cunha presentación realmente extraordinaria, que comezou co anuncio do The Beatles Rock Band nun acto no que apareceron Yoko Ono, Olivia Harrison, Paul McArtney e Ringo Starr, o que foi só o comezo dun ir e vir de persoeiros durante máis de hora e media, para debuxar o panorama do sector para o vindeiro ano.
Aínda que moitos non tiñan pensado ver nada máis que presentacións de videoxogos máis ou menos importantes, en realidade a conferencia de Microsoft foi moito máis aló, e serviu coma lanzadeira de novos accesorios para Xbox 360 e de futuros servizos que a integrar na Nova Experiencia Xbox.

Facebook e Twitter integraranse na interface da Xbox 360

Así, a tenda de vídeos do Bazar de Xbox LIVE cambia o seu novo por tenda Zune (xa que estaría orientada ao reprodutor multimedia portátil de Microsoft), os vídeos no servizo pasarán a contar con versión de alta definición a 1.080p (superando sobradamente a servizos coma iTunes e podendo contribuír á colocación dunha lápida sobre o soporte Blu-ray), a Xbox 360 permitirá que os usuarios Gold de todo o mundo poidan escoitar música de Last.FM, os usuarios norteamericanos de Netflix contarán con novas posibilidades, os británicos poderán seguir a plataforma televisiva Sky en directo a través da consola (posibilidade que agardemos que chegue a outros países a través de acordos con distintas canles de televisión), as compras de videoxogos en descarga xa non se limitarán a títulos Arcade ou Xbox Originals e no outono incluirán a 20 títulos de primeira liña (o que sería a xogada máis decisiva de Microsoft polas descargas dixitais) e incluso abriranse ás novas plataformas de redes sociais, de xeito que tanto Facebook coma Twitter estarán integrados na interface de usuario da consola de Microsoft, o que facilitará a interacción entre usuarios.

Sensor do Proxecto Natal

Na vertente do hardware, aparte dos instrumentos do The Beatles Rock Band e do monopatín para Tony Hawk: Ride (xa coñecidos polo público) puidemos ver un dispositivo que se coloca baixo a pantalla da consola, e que inclúe micrófono, cámara e distintos sensores para recoñecer os movementos do xogador dun xeito revolucionario que sería algo así coma unha Wii sen precisar de mando, porque se controlaría con todo o corpo e incluso pola voz. Esta revolución é o que bautizaron coma Proxecto Natal (na honra da cidade brasileira do mesmo nome), e que permite un nivel de interacción nunca visto nunha consola de videoxogo e que chega a confundir coa ciencia-ficción en plan Minority Report.

O Proxecto Natal permitirá utilizar o corpo do xogador coma controlador de xogos de loita

Este novo dispositivo recoñecerá a cara do usuario para identificalo dentro do sistema, permitirá que naveguemos pola interface da Xbox 360 movendo as mans no aire, recoñecerá a nosa voz en xogos de concurso para saber se demos respostas axeitadas, permitiranos loitar no aire contra inimigos virtuais, tirar a porta ou parar o balón nun xogo de fútbol, facer acrobacias cun monopatín inexistente, manexar o volante dun coche de carreiras movendo as mans e mesmo cambiar as rodas dun coche en boxes manexando virtualmente as ferramentas necesarias para tal tarefa.
Realmente parece unha tecnoloxía pensada para o futuro, pero xa está aquí, e no E3 puidéronse ver probas reais da mesma, aínda que é de agardar que ata 2010 non chegue ao mercado porque o seguinte paso a dar sería a distribución do kit de desenvolvemento de xogos, para que compañías alleas a Microsoft comecen a tirar proveito desta plataforma desenvolvida pola compañía israelí 3DV Systems (recentemente adquirida por Microsoft) que podería supor unha grande ameaza para a Wii.

Un Metal Gear Solid para Xbox 360 foi unha das grandes sorpresas da conferencia de Microsoft

No tocante aos xogos, a presentación de Microsoft serviu para amosar imaxes de títulos coma o agardado Alan Wake (que sairá en exclusiva para Xbox 360 na primavera de 2010), Crackdown 2 (tamén en exclusiva para Xbox 360 e para o ano que vén), Forza Motorsport 3 (xogo de carreiras para o mes de outubro), Gears of War 2: Dark Corners (ampliación do popular xogo GoW2 que estará dispoñible para a súa descarga o 28 de xullo), Halo 3: ODST (confirmado para o 22 de setembro), Joy Ride (curioso xogo de carreiras de balde para os usuarios Gold de Xbox LIVE que presentará aos nosos avatares dentro de coches para botar uns piques), Left 4 Dead 2 (a secuela dun dos xogos con modo colaborativo mellor recibido a finais de 2008 estrea trailer), Shadow Complex (novo título de Epic Games que será exclusivo para Xbox 360 e Xbox LIVE Arcade), Tom Clancy’s Splinter Cell: Conviction (impresionante xogo que no outono sairá en exclusiva para Xbox 360), Final Fantasy XIII (reiteran que a franquía de Final Fantasy chegará á consola de Microsoft, aínda que deberemos agardar ao ano que vén para velo), Modern Warfare 2 (Call of Duty 4 sepárase da súa franquía creando unha saga de seu da que se puideron ver varios minutos de vídeo realmente espectaculares) e a grande novidade da xornada foi a confirmación de que Hideo Kojima está a traballar en Metal Gear Solid: Rising, a primeira entrega de Metal Gear Solid para a Xbox 360, no que será un xogo protagonizado por Raiden, e que supón un paso máis de Microsoft na captación de exclusividades de Sony (o ano pasado pescara o Final Fantasy).


Impresionante presentación do Proxecto Natal


Peter Molyneux tamén presentou un novo concepto chamado MILO, que aproveita o potencial do Proxecto Natal

PUBLICIDADE