Microsoft presentará o agardado Halo 3 en cinco cidades españolas… e da man de Peugeot

xoves, 6 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Se temos en conta o que nos están a dicir estes días Microsoft e Peugeot a través da súa alianza, a industria do videoxogo e a do automóbil fan mellor caldo do que pode semellar nun principio. Isto vén a conto pola rolda de presentacións do esperado Halo 3 que está a piques de arrincar en España (chegará oficialmente ó mercado o 26 de setembro), dun concesionario de coches a outro e da man da firma responsable da consola Xbox 360, Microsoft. En total, serán cinco cidades do Estado as que participen no singular itinerario (Madrid, Valencia, Barcelona, Bilbao e Sevilla) ó longo do mes de setembro, entre o día 12 e o 21. A pregunta que nos podemos facer é: a que responde basicamente o feito de que as presentacións sexan en concesionarios Peugeot? Pois, en liñas xerais, a nada que deba preocupar ós seareiros.
Simplemente estamos ante unha alianza entre dúas grandes empresas que, se cadra con máis tino do que pode semellar nun principio debido á estraña mestura de procedencias, comparten unha mesma campaña publicitaria para lanzar cadanseu produto. Por unha banda, temos o Halo 3 para a consola Xbox 360, un dos xogos máis agardados da tempada (a xuízo de Microsoft, un fenómeno da cultura popular só comparable ó de Star Wars ou Harry Potter). Pola outra, temos os novos modelos de Peugeot, o 308 e o todo terreo 4007. Este último, por certo, empregarase a fondo na campaña, percorrendo as rúas de cada unha das cidades devanditas e decorado coas cores da iniciativa de promoción do videoxogo baixo o slogan “Alístate”.
A idea é achegar ós seareiros o privilexio de xogar ó Halo 3 días antes do seu lanzamento oficial. Asemade, a campaña irá encamiñada a procurar en España ó Mellor Xogador de Halo 3, que será premiado cunha consola edición limitada e cunha edición especial do dito xogo. Ademais, os afeccionados tamén poderán participar no sorteo dun Peugeot 308 ó longo das vindeiras semanas. O único requisito para formar parte deste concurso en concreto é inscribirse na web www.halo3alistate.com e facelo antes de que remate o prazo, o 31 de outubro.

PUBLICIDADE