Millóns de contrasinais de usuarios de LinkedIn aparecen na Rede

xoves, 19 de maio do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos días emerxeron na Rede millóns de contrasinais de contas de usuario de LinkedIn, e aínda que só se puxeron en circulación publicamente 6,5 millóns de contrasinais cifrados, aseguran que están a tratar de vender os enderezos de correo electrónico e os contrasinais de 117 millóns de contas de usuario que terían sido subtraídas en 2012, de aí que dende LinkedIn tivesen que admitir o fallo na súa seguridade e anunciar que comezaron a invalidar os contrasinais anteriores á intrusión padecida, de xeito que os usuarios que puidesen estar ameazados recibirán unha mensaxes instándoos a reiniciar os seus contrasinais.
Dende LinkedIn lembran a necesidade de mudar os contrasinais con frecuencia para evitar problemas (recomendado tamén empregar contrasinais fortes e activar a verificación en dous pasos), convidando aos seus usuarios a mudalos seus aínda que non reciban notificación pola súa banda. Tamén salientan que están a prestar unha especial atención ás contas de usuario vulneradas, para ver se detectan actividade sospeitosa nas mesmas, para así tomar medidas para identificar e bloquear as accións ilexítimas.

PUBLICIDADE