Mo-Yuen Chow di na Uvigo que as Smart Grids serán unha revolución equivalente á de Internet

martes, 6 de maio do 2014 Redacción

Como avanzamos onte a primeira hora, a Escola de Enxeñaría Industrial contou no mediodía deste luns coa presenza dun dos principais persoeiros internacionais da investigación arredor de Smart Grids ou Redes Eléctricas Intelixentes (REI), o profesor Mo-Yuen Chow, que estivo na devandita escola da Universidade de Vigo para impartir un seminario sobre estas tecnoloxías e o seu futuro (un futuro do máis esperanzador tendo en conta o seu potencial para racionalizar e facer máis eficiente o consumo eléctrico) e tamén para visitar varios dos laboratorios deste centro académico. Segundo informa a UVigo, o profesor Mo-Yuen Chow, un dos dez investigadores máis prestixiosos de EE UU, dixo que as Redes Eléctricas Intrelixentes suporán os anos vindeiros o que Internet na década dos noventa.
Ao fío disto, o profesor equiparou a situación actual das Smart Grids ao Internet dos anos 80, “cando estaba todo por facer, todo por coñecer, e non se sabían todas as potencialidades da rede”. E continuou: “Do mesmo xeito que Internet, as Smart Grids son tamén unha fonte de enormes oportunidades económicas e tecnolóxicas….”.
Segundo explicou, o das REI é un eido de investigación que abrolla da conxunción dos máis innovadores desenvolvementos de enxeñaría eléctrica cos avances das novas tecnoloxías da información. En definitiva, falamos de optimizar e facer máis eficaz a xeración e fornecemento de subministro eléctrico, poñendo en xogo sistemas únicos de xestión para realizar usos eficientes e racionais da enerxía. En palabras do investigador convidado estes días pola Universidade de Vigo, “do que se trata é de tirar proveito das posibilidades tecnolóxicas que existen hoxe en día, tanto de xeración de enerxía eléctrica como de comunicacións”.
Máis polo miúdo, explicou, estamos ante unha situación que deixou definitivamente atrás os sistemas nos que xeradores e distribuidores de enerxía eran os que a xeraban e a enviaban aos usuarios para instalarnos xa nun estado de cousas no que, grazas aos novos avances tecnolóxicos, “é posible que os usuarios tamén interveñan e creen un fluxo de enerxía en ambos sensos, tanto desde o xerador cara os usuarios, como desde os usuarios ata a propia rede”. E engadiu: “Falo por exemplo das enerxías renovables, nas que os usuarios non só consumen electricidade, senón que tamén a producen”.
Lembrar que Mo-Yuen Chow é catedrático na Universidade de Carolina do Norte e profesor tamén da Zhejiang University, unha das mellores universidades chinas na área de enxeñaría.

PUBLICIDADE