Mobuzz TV pide axuda económica aos seus seguidores para afrontar a crise

martes, 4 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os tempos de crise fan que iniciativas de éxito poidan ver perigar o seu futuro, e así a plataforma de videoblogs Mobuzz TV, que a primeiros de ano estreaba 2 novos programas estaría agora a piques de botar o peche por non ser capaz de cubrir os seus custos operativos mentres pechan a súa nova quenda de financiamento, xa que a conxuntura económica actual levou ao retraso de varias campañas publicitarias que reducen os ingresos da compañía para non permitir cubrir os seus gastos mensuais duns 50.000 euros (para pagar aos seus 16 traballadores e a súa infraestrutura física e tecnolóxica).
Pero en vez de botar o peche a un servizo de videoblogs con 4 anos de vida, decidiron buscar axuda dos seus seguidores, polo que durante unha semana aceptarán doazóns por Paypal, transferencia bancarias ou cheque para ver se son capaces de xuntar 120.000 euros que permitan manter a empresa en funcionamento ata que rematen as negociacións que están a levar a cabo con distintas compañías que confían no seu proxecto audiovisual apoiado na web que sen dúbida é todo un referente en España. De non cumprir co seu obxectivo devolverán os cartos aos seus doadores.
Esta iniciativa está a crear moito ruído na web española, pois hai que pensa que se trata dunha campaña de marketing viral (pese a que o colaborador de Mobuzz TV, Javier Capitán, asegura que se trate de «marketing vital», xa que a operación busca a supervivencia) mentres que as persoas que se decantan a favor e en contra de que se pidan cartos aos usuarios dun servizo de balde para manter a súa viabilidade económica se reparten por igual nos comentarios dos blogs nos que se fala do tema, o que non impediu que en poucas horas conseguisen unhas achegan de 20.000 euros (a metade dos mesmos en apenas 6 horas).
Parece claro que consigan ou non os cartos a situación parece difícil para este medio virtual, o que pon en dúbida moitas das afirmacións que se fan tradicionalmente sobre o crecemento do investimento publicitario na Internet (mesmo en tempos de crise) e deixaría en evidencia a fraxilidade de certos modelos de negocio baseados só na Rede, especialmente cando descoidan a súa capitalización (comentan que nin sequera tiña un departamento comercial).
Usuarios e expertos parecen pesimistas sobre o futuro de Mobuzz TV pois se atendemos a precedentes coma o de Zattoo (que tamén solicitara doazóns aos seus usuarios españois tralo que se reconverteu nun servizo de pago) e a novas do sector tecnolóxico (repletas de expedientes de regulación de emprego, peches, absorcións corporativas e previsións económicas á baixa) parece moi complicado que un servizo coma Mobuzz TV poida manterse durante os vindeiros meses, polo que a súa hibernación para rexurdir trala crise podería ser a súa única opción (aínda que iso suporía a perda dunha audiencia fiel e a desintegración do seu equipo).


Vídeo no que o equipo de Mobuzz TV pide axuda aos seus seareiros

PUBLICIDADE