Modernización destaca a capacitación e solvencia das empresas galegas de software libre

mércores, 17 de novembro do 2010 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vén de celebrar, esta mesma mañá en Santiago de Compostela, a I Xornada (R) Evolusión Cara Modelos de Negocio Baseados en solucións TIC de Código Aberto, na que as pequenas e medianas empresas do noso país dedicadas ó software libre demostraron a súa capacidade competitiva fronte a empresas doutras Comunidades e dedicadas a outros menesteres.
Esta xornada, que entre outras cousas tiña como obxectivo situar o contexto do software libre, as súas características como produto e o mercado que existe ao seu arredor, foi inaugurada polo subdirector xeral de Calidade, Interoperabilide e Seguridade da Secretaría Xeral, Jaime Barros, quen destacou que “o tecido TIC galego especializado en software libre ofrece produtos punteiros, e servizos da máis alta calidade e solvencia”.
Na súa intervención, Barros tamén fixo fincapé na “alta capacitación coa que contan as empresas de software libre galegas, demostrada, segundo afirmou, coa presenza internacional de software libre desenvolvido en Galicia ou o alto nivel de colaboración dentro do sector”.
O subdirector xeral de Calidade indicou que a decisión de abordar a promoción e fomento das tecnoloxías de software libre e de fontes abertas (FLOSS) pola Xunta de Galicia “non é algo unicamente interno ao Goberno galego, senón que busca a colaboración con todos os axentes implicados no ecosistema galego do FLOSS”; e neste senso, lembrou que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica mantivo reunións con todos os axentes ao longo do 2009 e do 2010, dando como froito un Plan Operativo que contempla ata 21 accións para promover o uso do FLOSS na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas.
O acto contou con profesionais da talla de José María Lancho Rodríguez (avogado e escritor dedicado ao campo do dereito das novas tecnoloxías), Agustín Benito Bethencourt (cordinador de ASOLIF, de Software Libre), Fernando Vázquez (director General de Imatia e fundador do grupo DASA da Universidade de Vigo) e Javier Vázquez (CCO en eBox Technologies, creador dun Servidor Linux para pemes) os cales debateron sobre as diferenzas dos ciclos de vida dun produto de software aberto en contraposición cun de software pechado, entre outras cousas.

PUBLICIDADE