Modernización destina 10 millóns de euros a incentivar o uso das TIC

venres, 23 de abril do 2010 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, da man de Mar Pereira, vén de anunciar que este ano desenvolverá un programa de axudas á empresa dixital e ao sector TIC do noso país, cunha dotación de preto de 10 millóns de euros, que axudarán a facer realidade moitos dos proxectos tecnolóxicos que as entidades tiñan entre mans e que non chegaron a facer por falta de fondos, permitindo que poidan competir en igualdade de condicións con outras empresas máis solventes.
Este orzamento repártese en catro liñas de actuación, das que dúas, a empresa dixital e o sector TIC concentran a maior dotación económica con 8 millóns de euros. Os dous millóns de euros restantes destinaranse ao fomento dos contidos dixitais e ás entidades sen ánimo de lucro.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Cristóbal Varela, mantiveron recentemente unha xuntanza informativa cos representantes das empresas do sector para abordar polo miúdo o alcance destas convocatorias e atender as dúbidas que puideran presentarse.
O departamento autonómico publicará proximamente as axudas para a empresa dixital e o sector TIC, e destinará 5.375.748 euros a subvencionar proxectos de cooperación para o fomento da empresa dixital. As iniciativas que se presenten, segundo apuntan dende a entidade pública, “deberán abordarse desde a cooperación entre empresas e contar cun promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses servizos ou produtos”.
A convocatoria de axudas contempla, asemade, actuacións subvencionables, tanto na demanda empresarial en solucións TIC como na resposta tecnolóxica en solucións TIC. A primeira opción está orientada para que as empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. No segundo caso, as subvencións para a resposta tecnolóxica en solucións TIC está destinada a empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que resolvan tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.
Axuda específica para o sector TIC
A Secretaría Xeral de Modernización potenciará o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información cunha achega de 2.550.000 euros. Esta convocatoria contempla dúas liñas de axudas: a das capacidades TIC a dos desenvolvementos TIC, nas que se terán en conta aquelas novas prestacións centradas en áreas tecnolóxicas e en actuacións que redunden en beneficio dos cidadáns. No primeiro caso, as iniciativas que se presenten deberán achegar novidades nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.
Os proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC deberán orientarse aos servizos sociais e sanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); a educación, mediante ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe on-line, plataformas de control do alumnado na aula, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.

PUBLICIDADE