Monet Tecnoloxía e Innovación obtivo o galardón ao mellor emprendedor da man de AJE-Vigo

luns, 10 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Monet Tecnoloxía e Innovación, unha das iniciativas abeiradas á plataforma aceleradora Galicia Open Future de Telefónica, obtivo a semana pasada un importante recoñecemento: o Premio Novo Emprendedor que concede a asociación AJE Vigo. A empresa galega, con sede en Nigrán e posta en marcha por tres enxeñeiros de Telecomunicación, céntrase en boa medida na investigación e desenvolvemento de novos produtos e servizos tecnolóxicos para o sector vitivinícola. Por exemplo: unha plataforma web que permite que as adegas poidan controlar o viñedo desde calquera dispositivo móbil.
Ademais do trofeo que o acredita como gañador, José David Rey, un dos impulsores de Monet, recibiu un máster en estratexia dixital, mercadotecnia en liña e comunicación 2.0 valorado en 12.000 euros e achegado por IFFE Business School, entidade internacional de formación de posgrao en dirección e xestión.
Volvendo a Monet e á súa plataforma web, sinalar que con este recurso, unha explotación de viño ten na súa man un control total sobre os parámetros ambientais que atinxen á uva e a súa calidade final, fornecendo partes do tempo avaliados polos responsábeis de 4gotas.com. O resultado disto e doutras fontes de información pon ao responsábel dunha empresa vitivinícola en situación de predicir calquera risco relacionado cos seus viñedos, de xeito que terá marxe de abondo para aplicar as medidas fisiosanitarias preventivas que considere precisas e axeitadas.
No que se refire ao certame de AJE-Vigo, sinalar que tamén resultou distinguida a iniciativa Óptima Cleaning & Healthcare, que recibiu o premio Novo Empresario 2014. Trátase dunha empresa centrada na fabricación de produtos químicos e cosméticos para hixiene en diferentes sectores como veterinaria, industria alimentaria, motor, industria e coidado persoal. José Antonio Redondo recolleu o trofeo e un cheque por valor de 2.500 euros achegados por Abanca.
Os dous gañadores pasarán directamente a ser finalistas dos Premios Novo Empresario e Emprendedor de AJE Galicia que se fallará o próximo 9 de decembro en Ferrol.
Dentro da categoría Mellor Empresario repartíronse tres accésit. O de Calidade foi a parar a Conservas Chanquete, empresa de pratos preparados en conserva de alta calidade, que gañou un bono de sete horas ofrecido pola Consultora FielsGo! para axudar á empresa a desenvolver e planificar a súa estratexia comercial; o accésit de Innovación foi outorgado a Kemegal, compañía dedicada á fabricación de produtos químicos para hixiene e limpeza, que recibiu un bono de 500 euros en solucións gráficas e mercadotecnia achegada por Reprogalicia; e o accésit que valoraba a aposta pola Responsabilidade Social Empresarial foi para No Llores Patito, tenda online de produtos para bebés e nenos, que obtivo un bono de tres meses ofrecido pola consultora Newcell para a realización dun diagnóstico que axudará á empresa a reducir custos e xestionar as súas comunicacións.
O acto, ao que asistiron preto de 150 invitados, celebrouse esta tarde no Hotel Cidade de Vigo e contou coa presenza do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, así como da tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva.
Pola súa banda, o presidente de AJE-Vigo, Rubén Hermida, lamentou no seu discurso “a caída da capacidade emprendedora de Galicia, que se sitúa no cuarto peor posto de todas as comunidades autónomas, e reclamou unha vez máis axudas e apoios para modificar esta situación”. Volveu insistir “en que institucións e colectivos empresariais deben traballar para conseguir mellores condicións que propicien un escenario máis óptimo e imitar aqueles países e rexións onde a creación de empresas e riqueza é maior”.

PUBLICIDADE