Montenoso organiza en Friol unha xornada para afianzarnos na confluencia entre comunidades de montes e TIC

martes, 8 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

O vindeiro 12 de novembro vaise celebrar un encontro galego para, entre outras cousas, amosar o alto nivel de potencialidade e utilidade das novas tecnoloxías dixitais para a xestión dos nosos montes. Trátase da xornada O monte no Móbil, organizada pola plataforma Montenoso, unha fronte común galega dirixida a tender pontes entre a tecnoloxía colaborativa e os xeitos tradicionais de xestionarmos os nosos montes (moi abeirados, por certo, ao espírito actual do software libre), achegando ferramentas wiki para fornecer coñecemento, cartografía, investigación e outros recursos cooperativos.
O evento do día 12, que se celebra en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Carballo (Friol), está dirixido a comuneiras e representantes de comunidades de todo o país para “falar da relación que están a ter estes colectivos coas contornas dixitais”. Outro dos obxectivos é ir dando forma ao desenvolvemento unha aplicación móbil para estas comunidades.
Segundo informan dende Montenoso a propósito da folla de ruta desta e doutras xuntanzas, “a idea é facer un proceso aberto, contrastar se esta ferramenta pode ser funcional para as comunidades e coñecer cales serán os seus intereses e prioridades”. A cita do 12 será nas instalacións da CMVMC de Carballo, en Friol, en horario de 11.00 a 17.30 horas. As persoas interesadas poden participar dende xa a través dun formulario online habilitado na plataforma Montenoso.

PUBLICIDADE