Mos organiza en setembro un novo curso de tecnoloxías móbiles para maiores

xoves, 10 de agosto do 2023 S. P.

A Axencia de Colocación do Concello de Mos e a Concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Julia Loureiro organiza en setembro un curso de tecnoloxías móbiles para a poboación sénior do termo municipal. O novo Taller: Expertclick de uso de apps móbiles para Maiores de Mos ten neste intre aberto o seu prazo de inscrición.
Impartirase en dúas datas do vindeiro mes de setembro: o día 25 de 16:00 a 18:00 (sesión 1) e o 26 en horario de 16:00 a 18:00 (sesión 2) en modalidade presencial.
Expertclick é un programa de formación para achegar ás persoas maiores de 55 anos as ferramentas necesarias que lles permitan aproveitar plenamente as vantaxes que brindan as novas tecnoloxías co fin de aumentar a súa calidade de vida.
“Nos cursos gratuítos presenciais e en liña”, explican dende a Concellería de Participación Cidadá de Mos, “a poboación sénior aprende a navegar con seguridade e confianza por Internet e a utilizar o seu teléfono móbil ou tableta para comunicarse por vídeo-conferencia, facer xestións co seu banco, pedir unha cita médica, mercar en liña ou aproveitar o seu tempo de lecer creativo na Rede”.
O obxectivo é “aumentar a súa independencia e autonomía persoal á hora de comunicarse, realizar trámites e participar de forma activa na sociedade, mellorando así a súa autoestima e favorecendo un envellecemento activo e saudábel”.

PUBLICIDADE