Motorola dispara as súas vendas dende que forma parte de Lenovo

martes, 3 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Lenovo Group está a dar conta dos seus resultados durante 2014, ano moi relevante xa que é o da absorción de Motorola Mobility tras a súa adquisición a Google, o que supuxo un importante crecemento do negocio móbil, aínda que tamén está a conseguir unha posición moi sólida no mercado do PC (lembremos que a compañía chinesa fíxose no seu día co negocio de ordenadores persoais de IBM). Actualmente os ordenadores supoñen o 65% do negocio de Lenovo, os móbiles ocupan o 24% e a división de empresa ocupa o 9%, o que supón unha evolución cara ao móbil, xa que o ano pasado o PC chegaba ao 81% do volume de negocio.
Parece que o paso de Motorola a mans de Lenovo foi unha boa operación, con 10 millóns de terminais vendidos no último trimestre do ano, o que supón un incremento interanual do 118%, aínda que estas boas vendas non lograron paliar os 89 millóns de dólares de perdas da división móbil de Lenovo, que non prevé que dea beneficios até dentro duns 4-6 trimestres (grazas en boa medida polo retorno de Motorola ao mercado chinés).
De manter este ritmo, Lenovo non só consolidaría a súa posición como segundo fabricante en China, senón que tamén podería levar á marca Motorola a ser a terceira a nivel mundial, tras Apple e Samsung, posto que cada vez está máis rifado.

PUBLICIDADE