Movistar incrementa a a súa valoración e afiánzase como líder en servizo de banda larga

venres, 29 de novembro do 2019 Redacción

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de achegarnos un novo informe sobre as fortalezas e as eivas das diferentes operadoras móbiles que temos no mercado: unha nova investigación que nos facilita o camiño para facermos a mellor escolla de servizo ou, polo menos, unha escolla ben informada. O estudo, que está completo na Rede para consulta, achega unha serie de grandes conclusións para ser tidas en conta. Por exemplo: que Movistar foi quen de mellorar a súa posición e segue líder no servizo de banda larga ou que MáisMóvil é o único operador que suspende na calidade do servizo.
Tamén se fai saber que R, a operadora de raizame galega, “rexistrou o peor dato en horas de reparación dunha avaría”, malia conseguir o Grupo Euskaltel (do que forma parte R) unha valoración xeral moi alta: do 7,4.
O Estudo sobre Banda Larga Fixa e Móbil, elaborado pola Asociación de Internautas (AI), analiza a calidade da banda larga en España e ofrece “un retrato dos aspectos máis destacados que conforman a valoración dos grupos que operan no mercado español”, segundo os datos oficiais (SEAD e OAUTEL) e máis de catro millóns de medicións de velocidade efectuadas polos panelistas da AI, diferenciando entre redes e tipos de acceso.
Respecto das principais conclusións, a UCGAL lembra que, en contra do que se pode supoñer (en contra desa crenza dalgúns usuarios de todas as operadoras reciben e dan máis ou menos o mesmo), a calidade global mostra unha diferenza de máis de 4 puntos entre o mellor e o peor operador valorado. A máxima puntuación conséguea Movistar (8,05), que mellora nun punto o resultado do estudo do pasado ano (7,01). O peor resultado recólleo o Grupo MásMóvil (3,70). Pola súa banda, o Grupo Euskaltel aproxímase aos 7,4; o Grupo Vodafone roza os 7 e o Grupo Orange os 6 puntos.
Polo que respecta ás reclamacións en comunicacións fixas, presentadas ante a OAUTEL (as incidencias e interrupcións ocupan o 23% e a facturación o 26%) debilitan ao Grupo MásMóvil que neste apartado rexistra 52 reclamacións de media (96 de MásMóvil e máis de oito en Pepemobile). O estudo fai saber que a nivel estatal, “nin o Grupo Orange (case 30) nin o Grupo Vodafone (18) teñen un comportamento óptimo”. As reclamacións sobre os servizos converxentes sinalan a MásMóvil cunha media de 9,53 (MásMóvil 20; Yoigo case 6 e Pepemobile 2,5) e a Vodafone (9,84).
Respecto á reparación de avarías, a nivel estatal, a investigación desvela que Orange emprega case 92 horas, fronte ás 70 de Vodafone e ás 46 de Movistar. Nesta liña, dos operadores do Grupo Euskaltel, que operan en determinados territorios, a galega R emprega 123 horas na solución de fallos. Deste xeito, sinálase, “o seu índice de avarías (4,17%) é 5,6 veces maior que o de Vodafone, un operador estatal”.
Por outra banda, en canto ás avarías reparadas no prazo establecido polos operadores a nivel estatal, Movistar rexistraría o maior índice de incidencias arranxadas (96%), situándose tres puntos por riba do dato de Vodafone e sete do de Orange (MásMóvil non facilita datos). Neste punto, o informe conclúe que os operadores do Grupo Euskaltel oscilan entre o 97% do operador vasco e o 88% de R.
A investigación mostra outro cariz no que se refire ao caudal de descarga en banda larga fixa, “cun grupo Euskaltel e cuns operadores vasco e galego conseguindo un escaso 94% e 90%, respectivamente, fronte ao 95% ou máis dos demais”. Pola contra, no caudal de subida da banda larga fixa, a maior parte de operadores están entre o 95% ou máis de caudal, agás Telecable que non supera o 78%.
En ADSL a descarga oscila entre o 80% de Orange e Movistar e o 77% de Vodafone. Na subida, o caudal vai desde o 84% de Movistar ao 67% de Orange.
Pola súa banda, a frecuencia de reclamacións en banda larga móbil oscila entre o 0,51% de Vodafone e o 3,16% de Orange. O informe tamén reflicte que entre os operadores do Grupo Euskaltel, R rexistra o 1,85% e Euskaltel o 0,82%. En relación ao tempo que tardan en responder ás reclamacións, este tradúcese en 23 días con R e 16 con Euskaltel. A nivel estatal, Movistar e Orange quedan atrás ao anotar 11 días, fronte aos 4,5 días de Vodafone. Na outra cara da moeda, nas reclamacións sobre facturación de prepago, Vodafone alcanza o 2,5%, fronte ao 0,06% de Movistar.
O estudo tamén fai saber que existe un punto crítico en materia de acceso a Internet e caudal de descarga da banda larga móbil: a máis velocidade ofertada, menos caudal. “A modo de exemplo, Movistar consegue un 75% de descarga nas ofertas de 21 Mbps e Orange o 44% nas de 42 Mbps”, explica a UCGAL, engadindo que “no tocante ao caudal de subida da banda larga móbil, ocorre algo semellante”. Así, Yoigo rexistra un caudal do 54% na súa velocidade de 37,5 Mbps, e Orange e Movistar o 39% de 50 Mbps.

PUBLICIDADE