Movistar lanza un servizo de Internet móbil sen consumo mínimo nin permanencia

venres, 8 de febreiro do 2013 Redacción

Movistar vén de lanzar en España o servizo Nomad Connexion, que consiste nunha achega de acceso a Internet móbil sen establecemento de consumo mínimo nin permanencia, arestora xa dispoñíbel para os usuarios dos modelos de tablets 3G El Cano e Edison do fabricante español bq (do que falamos precisamente este venres para dar conta da súa estrea oficial no eido dos smartphones, o mes que vén). Asemade, tamén está operativo no dispositivo Fnac 10 3G. Estes tablets, de feito, incorporan por defecto unha tarxeta SIM de Movistar e máis a aplicación dende a que os usuarios poden rexistrarse en liña no servizo.
Nomad Connexion, como dixemos, é independente da operadora que teñamos contratada: non require contrato de permanencia ou cotas mensuais asociadas. O pago dos bloques de conectividade lévase a cabo con tarxeta de crédito (“e en menos de 3 minutos desde que se abre o tablet pódese estar a navegar por Internet en 3G”, sinalan fontes de Movistar). Este servizo, para o seu funcionamento e calidade na cobertura, tira partido da rede 3G da operadora en España. O modelo de pago é por tempo de conexión a Internet, habendo bonos de datos que van desde unha hora a 0,99 euros (impostos indirectos incluídos) até unha semana de conexión por 9,99 euros (impostos indirectos incluídos). Nomad Connexion está baseado na tecnoloxía M2M Consumer Electronics, “a máis avanzada de Telefónica para solucións de conexión entre dispositivos electrónicos”, informa a operadora.

PUBLICIDADE