Movistar pechou 2022 con preto do 70% da poboación galega con acceso á súa fibra

venres, 17 de febreiro do 2023 S. P.

A operadora Movistar fixo balance do acadado en 2022 en materia de cobertura galega de fibra óptica. Segundo explicou no seu informe, foi quen de pechar o ano levando tecnoloxía de banda larga (a través de FTTH) a todos os municipios de Galicia e “superando o millón e medio de fogares e negocios galegos con acceso ás súas redes ultrarrápidas”. Asi, os 313 municipios galegos dispoñen xa de polo menos algunhas unidades inmobiliarias con cobertura de FTTH, o que supón “que o 68,9% da poboación galega conta xa con acceso á fibra óptica de Movistar”, engádese.
Por provincias, a fibra de Movistar conecta en Pontevedra a 534.605 unidades inmobiliarias, o que supón o 74,9% da poboación; na Coruña, 638.665 unidades inmobiliarias, que supoñen o 68,3% da poboación; en Ourense, 221.915 unidades inmobiliarias, que supoñen o 66,7% da poboación da provincia; e en Lugo, 145.023 UUII, que supoñen o 59,7%.
En palabras de Movistsar, as cifras seguirán a medrar este ano, xa que “os traballos de despregadura continúan a bo ritmo”, en colaboración coas administracións estatais, autonómicas e provinciais, e respondendo ao compromiso de Telefónica e o seu presidente, José María Álvarez-Pallete, de “conectar toda España con esta tecnoloxía en 2025”.
A operadora lembra que a súa tecnoloxía FTTH permite aos clientes dispor de velocidades simétricas (subida e baixada) da Internet a 1 Gbps ou de televisión en alta definición, ademais de opcións de teletraballo, gaming, educación ou trámites administrativos.
O informe conclúe deste xeito: “A nosa fibra, combinada coa excelente cobertura móbil de Movistar en Galicia, que no caso do 3G e 4G alcanza ao 98% da poboación, mentres segue avanzando o despregamento de 5G, converte a comunidade autónoma nunha das máis avanzadas de España e Europa respecto ao acceso da poboación á banda larga ultrarrápida”.

PUBLICIDADE