Mozilla abandona os móbiles con Firefox OS

mércores, 9 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Durante a celebración dun evento para desenvolvedores de Mozilla en Orlando, Mozlando, realizouse un anuncio que non deixa de ser a simple aceptación da realidade: Mozilla deixará de ofrecer teléfonos con Firefox OS a través de operadores. É o propio Ari Jaaksi o que anuncia tal, deixando claro que aínda que “Firefox OS demostrou a flexibilidade da web, escalando dende smartphones de baixa gama até televisores de alta definición”, fracasaron á hora de ofrecer a mellor experiencia de usuario, polo que decidiron cesar a súa distribución a través de compañías de telefonía móbil.
Lembremos que un dos primeiros fabricantes en comercializar smartphones con Firefox OS foi a compañía española Geeksphone, que botou o peche o pasado verán, deixando claro que este tipo de terminais non lograron callar no mercado, en boa medida por non conseguir ser tan económicos como pretendían, e por carecer de utilidade en moitos mercados pola ausencia de aplicacións consideradas como imprescindibles (como WhatsApp).
Non estamos ante a morte de Firefox OS, senón nunha reorientación do proxecto, que mirará agora cara a emerxente Internet das Cousas.

PUBLICIDADE