Musiqueoh!, música nosa para chegar de verdade ao público

mércores, 8 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

A música galega estase a manifestar de múltiples e innovadoras maneiras na Sociedade da Información. A gran maioría xorde da vontade de facer algo realmente útil, non limitarse só a achegar información, senón (o que verdadeiramente máis complicado) a tratala, potenciala e subministrala cara a onde (á súa vez) vai ser máis útil. Nesta liña é na que se move Musiqueoh!, un agregador do que se moitos non escoitamos falar de abondo, e xa vai sendo hora de que as cousas muden. O seu xermolo está onde están as cousas de xeito: en conversas entre amigas/os, a maiores seareiras/os da música e, a maiores, devecendo por máis música galega na Rede. Da constatación destas eivas da Rede galega servindo de impulso á nosa creatividade xurdiu, precisamente, Musiqueoh!, proxecto que dende a súa orixe viuse obrigado a contar con poucos medios pero dende o que se quixo facer todo o posible para remediar esta carencia con maxín e boas ideas. Sobre todo para contribuír ao que dixemos antes: chegar ao sitio exacto onde é preciso chegar.
Así nolo contan os responsables da plataforma en liña, os integrantes de Folerpa, ao tempo que nos falan das súas orixes: “Despois de varios debates pensouse que unha das grandes dificultades é que moitas boas iniciativas que se están a facer non chegan ao público, por diversos motivos, e que sería moi interesante concentrar a oferta informativa en galego sobre un tema (neste caso a música) nun lugar, ofrecendo unha visión global e actual desde o agregador, mais respectando moito aos creadores de contido e repartindo tráfico cara eles”.
A partir de aí, contan, o equipo técnico comezou a procurar alternativas técnicas que deran acubillo á idea, e o responsable da temática clasificando as páxinas web sobre música en galego. Logo deste traballo, conseguiuse a primeira versión da páxina, o engadidor. Unha vez feito isto, pensouse en enriquecer a páxina con máis contidos “que lle deran un toque gráfico, como son as imaxes e os vídeos de YouTube, que achegan outra información e máis vistosidade; por último engadimos dúas funcionalidades extra que subministran utilidade: por unha banda un buscador especializado que procura nas páxinas en galego sobre música e pola outra a posibilidade de escoitar os programas de música, podcast, que se fan en galego directamente dende a páxina”.
Polo que respecta á primeira das funcións extra, dicir que a súa vantaxe reside en que nos facilita a localización de todo tipo de datos sobre o noso panorama musical sexa onde sexa que se escribiron: “A función permite que se queremos saber que críticas se escribiron sobre Munich ou Nouvelle Cuisine, dous bos grupos galegos, non perdamos tempo con resultados que non nos interesan; a isto cómpre engadir que Google non nos permite buscar só en galego, nin filtra as páxinas de contido automático que mudan para peor a busca de contidos reais”.
Polo que atinxe á outra función achegada, a posibilidade de escoitar podcasts, dicir que abrangue non só os programas que emite Radio Galega Música senón tamén os arquivos musicais que podemos atopar en plataformas como Podgalego.org. A este servizo hai que engadir un proxecto que está arestora en fase de desenvolvemento, VermeTV, unha canle de video clips para Musiqueoh! que achega unha ollada audiovisual ás bandas galegas seguindo un pouco o ronsel de MTV, emitindo por streaming.
En canto os contidos, a plataforma da que estamos a falar agrupa por categorías as fontes que existen na Rede sobre música. “En primeiro lugar”, explican os responsables do agregador, “temos as páxinas de novas xerais, MeGa Música en Galicia, unha sección de Culturagalega.org, Komunikando e o blogue do Planeta Furancho; despois novas temáticas das webs Rock de Seu, Galiza Electrónica e Temazo.org (HipHop); logo unha ampla sección de fontes sobre música tradicional: Folque, e-trad, Malmequer e Gaiteiros Galegos”. Asemade, Musiqueoh dispón de novas sobre concertos, listaxes de ligazóns directas e un espazo que agrupa as informacións que xeran as propias bandas nos seus cadernos persoais. A web conta tamén con netlabels onde se permite a descarga legal de música, un espazo para festivais e outro para discográficas. Asemade, dase acubillo a unha sección sobre as novas da música portuguesa e as novas que xeran os programas de radio e os podcast.

Respecto aos xeradores de contidos

Musiqueoh! funciona como engadidor, é dicir, que concentra as novas máis recentes sobre música en galego. “Ao ser un agregador tratamos de ser moi respectuosos coas webs que xeran o contido, e na nosa páxina so ofrecemos o titular da nova e un pequeno resumo (que se le ao pasar por riba co rato), polo que para ler a nova completa tes que ir á páxina que creou o contido”, informan os promotores da páxina. Asemade, a páxina ten espazo para a publicidade, cousa que responde a unha arela de crear mercado publicitario en galego na Rede, “aínda que neste momento non aporta nin para cubrir custos”, engaden.

PUBLICIDADE