Musk converte nunha fraude a marca azul de Twitter

venres, 21 de abril do 2023 Marcus Fernández

Na tarde de onte Twitter eliminou o selo de verificación azul dos usuarios que non están subscritos a Twitter Blue e, de feito, o centro de axuda de Twitter recolle que «a marca de verificación azul significa que a conta ten unha subscrición activa a Twitter Blue e cumpre cos requisito de elixibilidade» detallando que o único xeito de reter o check azul por parte das contas verificadas con anterioridade é subscribirse a Twitter Blue.
Esta cambio fai que para o usuario final a marca azul xa non sexa unha verificación de nada, pois non indica nin relevancia nin autenticidade, sendo bo signo diso que aproximadamente a metade dos subscritores de Twitter Blue teñen menos dun milleiro de seareiros, e a meirande parte das figuras públicas decidiron non pasar polo aro de Elon Musk, de xeito que pese a ter millóns de seareiros están agora sen a marca azul xunto ao seu nome de usuario.
A desfeita está a ser total, e incluso o Papa Francisco quedou sen a marca (que tras transcender aos medios corrixiron etiquetándoo como unha organización gobernamental), pero o máis rechamante de todo foi que algunhas contas claramente opostas a pagar por Twitter Blue presentaban agora a marca azul asegurando que estaban subscritas ao servizo. Falamos concretamente de casos como o de William Shatner, LeBron James e Stephen King, que criticaran enerxicamente a intención de Musk de cobrar pola marca azul, polo que sorprendía enormemente que agora a conservasen.
Stephen King foi un dos primeiros en desmentir que se subscribira a Twitter Blue e que teña un número de teléfono verificado por Twitter, segundo reza a súa marca azul actualmente, e un editor de The Verge confirmou que LeBron James recibiu un e-mail dun traballador de Twitter ofrecéndolle unha subscrición patrocinada por Elon Musk, oferta que rexeitou, o que non evitou que agora Twitter faga publicidade de tal suposta subscrición.
A explicación a este caos chegou cando o propio Elon Musk publicou que pagara el persoalmente a subscrición a Twitter Blue dunhas poucas contas de usuario, o que podería chegar a considerarse unha fraude, xa que Twitter está a indicar que certas celebridades están subscritas a un servizo de pagamento aproveitándose da súa sona para que outros usuarios se subscriban, o que é un claro exemplo de publicidade enganosa.
Que a marca azul perda completamente a confianza dos usuarios, pero indicar adhesión a un servizo de pagamento de xeito fraudulento fai que a situación sexa aínda peor, simbolizando a desesperación de Musk, os seus poucos escrúpulos e, unha vez máis, o seu desprezo pola legalidade.

Medios públicos

O conflito con numerosos medios públicos que Twitter etiquetaba como propaganda gobernamental chegou á súa fin, sen que se reformulase o sistema de etiquetas para indicar a dependencia dos medios de fondos públicos, simplemente eliminando as polémicas etiquetas de medios como a BBC, PBS, NPR, RTVE, TV3 e moitos outros, aplicando así as normas establecidas por Twitter antes da chegada de Musk, que diferenciaba os medios propagandísticos como os auspiciados polo Goberno ruso de medios públicos con independencia editorial.

PUBLICIDADE