Musk quere eliminar os titulares das novas compartidas en X

martes, 22 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Exemplo de ficha dunha ligazón en Twitter

Actualmente cando publicamos unha ligazón en X, debaixo do texto que introduzamos aparece unha tarxetas cunha imaxe baixo a que figura o nome do dominio, o titular e un extracto para que coñezamos o contido antes de premer sobre a ligazón para visitala, dende Fortune dan conta de que Elon Musk quere mudar este formato de tarxetas para as ligazóns, deixando só a imaxe, asegurando que iso mellora a estética da plataforma.
Este cambio de política levaría a que cando queiramos publicar un contido externo debamos describilo correctamente dentro de X, xa que a tarxeta sobre a que hai que premer xa non incluirá información contextual que axude a saber que contido atoparemos ao outro extremo da ligazón.
Aseguran que Musk pensa que este cambio en X pode reducir o clickbait (aínda que tamén podería facer xusto o contrario, facilitando a desinformación), aínda que o obxectivo principal é reducir o espazo vertical que ocupan as publicacións, de xeito que collerían máis publicacións en pantalla e así tamén sería máis doado colocar publicidade e que esta fose máis atractiva.
Dende Fortune aseguran que as tarxetas actuais para as ligazóns en Twitter chegaron nun momento no que os chíos tiñan un límite de 140 caracteres, polo que era preciso engadir contexto ás ligazóns, pero na plataforma actual é posible incorporar descrición completas sen problema, especialmente os usuarios de pagamento, que poden chegar aos 25 mil caracteres nunha única publicación. De feito, Musk quere que os xornalistas publiquen directamente en Twitter, en vez de levar aos seus seareiros a medios externos, asegurando que iso produciría maiores ingresos para eles (afirmación sen ningún sustento real, xa que o sistema de monetización de Twitter é sumamente precario).

PUBLICIDADE