Na Rede un sistema para probarnos lentes virtualmente dende o noso domicilio

martes, 8 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Coas redes, a vida métesenos na casa. E con isto abránguense tamén as nosas actividades nas tendas: ese proceso previo á compra propiamente dita, probándonos isto ou aqueloutro. Segundo informa a óptica en liña Gafasworld, de termos redes no fogar estaremos exentos en boa maneira de baixar aos establecementos e probarnos uns lentes tras outros, co agravante de que para isto adoitamos a levar con nós a amizades ou familiares para que nos sinalen co dedo o que mellor nos acae, e xa está ben de estirar o fío da súa paciencia. A través da dita web, ofrécesenos, entre outras cousas, a posibilidade de probarmos milleiros de modelos de lentes solares e graduadas, empregando unha cámara web. Todo cen por cen virtual.
Este servizo achégase grazas a un software específico que mesmo rexistra e reflicte os movementos que fagamos. É dicir, que cobre os típicos movementos que facemos diante dun espello cando nos probamos uns lentes. Para empregar o sistema requírese pouco: cámara web, conexión a Internet e, sobre todo tempo, tempo de lecer. Fornécese tamén a posibilidade de facernos unha foto, inmortalizando poses que logo ensaiaremos máis a fondo no verán, para amosarllas ao mundo, tan desexoso de vérnolas, nas redes sociais.
GafasWorld, responsábel deste servizo virtual, forma parte do grupo SmartBuyGlasses Optical Group, un dos maiores distribuidores de produtos ópticos do mundo con actividade en Alemaña, Italia, Francia, Australia, China, Estados Unidos e Canadá.

PUBLICIDADE