Nace Crecentia Galicia en respaldo da economía galega

martes, 12 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Os principais representantes da banca galega, Caixa Galicia, Caixanova e Banco Pastor veñen de aliarse con Manuel Jove, fundador do grupo inmobiliario Fadesa e presidente de Inverante, para investir en proxectos empresariais da nosa terra que lle acheguen valor engadido a Galicia.
Segundo indica nas súas páxinas o xornal El Correo Gallego, “estes espadas da economía galega” uniron as súas forzas para crear un selo de garantía co que promover “proxectos vitais para o futuro de Galicia” cos que gañar en competitividade e máis en capacidade de atracción para novas actividades e captacións de investimentos.
Crecentia Galicia, que é como se coñece esta iniciativa “chamada a converterse no Galicia Calidade do investimento da nosa terra”, ten o obxectivo de acadar ou incluso superar os 100 millóns de capital que se traducirán en iniciativas de interese para o país.
Jove apuntou ademais que Crecentia estará preparada en menos dun mes “para detectar e darlle pulo a proxectos de investimento viables” que lle aporten valor a Galicia en ámbitos como a bioenxeñería, a nanotecnoloxía, a I+D+i, as novas tecnoloxías ou a Sociedade do Coñecemento.
Cada socio fundador subministrará un mínimo de 10 millóns de euros, polo que a cifra que acadan entre os catro aliados suman inicialmente 40 millóns, cantidade que aspiran ampliar e superar en canto comecen as achegas monetarias e se sumen máis empresas. A este respecto Jove anunciou que xa hai interesadas mais desculpou non poder avanzar os seus nomes polo de agora.
A constitución oficial desta nova entidade estivo apadriñada polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e mailo conselleiro de economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, quen preside a Sociedade do Coñecemento.

PUBLICIDADE