Nace Cuestio.com, unha rede social con selo galego específica para empresas

luns, 6 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Malia que na actualidade aínda quedan algúns empresarios que non lle acaban de ver vantaxes ás redes sociais e prohiben o seu uso en horario laboral, o certo é que estas ferramentas están a acadar tal popularidade en tódalas contornas sociais, que xa se contan por centos as empresas que apostan polo seu uso para aumentar a produtividade dos seus negocios.
Certo é que (coma en todo) hai moitas persoas que fan un mal uso destas ferramentas perdendo o tempo con aplicacións estúpidas ou fozando na vida privada dos seus “amigos”, pero de usalas con cabeza, as redes sociais poden ser estupendas aliadas á hora de ter unha boa planificación do traballo e ir ao gran en materia de convocatorias de persoal.
Tan beneficioso é o seu uso no seo dunha entidade de mediana ou gran escala que os galegos Javier Blanco e Diego Fernández (cofundador do servizo de xeolocalización de persoas, Ipoki.com) veñen de crear unha nova rede social privada, específica para empresas e organizacións.
Trátase de Cuestio.com, que lle permite aos traballadores dunha empresa calquera comunicarse entre eles como o viñan facendo en calquera rede social pública, porén coa vantaxe de estar en contacto unicamente cos membros da firma e non ter a tentación de interactuar con persoas alleas á mesma.
A plataforma está dispoñible de balde na Rede e ten as mesmas vantaxes que unha rede social tradicional dende a que se poden publicar informacións ou convocatorias, enviar correos electrónicos ou mensaxes privadas e deixar comentarios públicos relativos a todo o que lle concirne aos empregados.
Outros beneficios que destacan os seus creadores son a súa sinxeleza e utilidade para incrementar a colaboración entre empregados.

PUBLICIDADE