Nace TEGRA, a aposta de Telefónica e Gradiant a prol do talento galego en ciberseguridade

mércores, 23 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, e o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire

Santiago acolleu hoxe un novo e importante acontecemento en relación á alianza Telefónica-Gradiant, unha alianza que deu froitos relevantes como a compra de SHADOW por parte da operadora (ferramenta automática de seguridade e rastrexabilidade desenvolvida polo centro tecnolóxico galego) ou o acordo de colaboración entre ElevenPaths (a unidade de seguridade dixital de Telefónica) e Gradiant. Como consecuencia das boas sinerxías xeradas e dun compromiso común a prol da protección tecnolóxica e da información, ambas as dúas partes deron forma ao novo centro de ciberseguridade de Telefónica, TEGRA, cuxo obxectivo é emprazar a Galicia no ámbito europeo da salvagarda TIC co desenvolvemento de produtos e servizos avanzados para as empresas.
TEGRA presentouse hoxe na Cidade da Cultura da man da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, e o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire. Tamén participaron investigadores de ElevenPaths e Gradiant debullando as liñas estratéxicas, os obxectivos e os retos do novo centro.
A primeira en intervir foi Marta Menéndez, quen puxo o foco na importancia do eido principal de investigación e desenvolvemento de TEGRA: a protección das tecnoloxías, das comunicacións e do coñecemento. “Unha cuestión”, dixo, “que cobra e cobrará especial importancia, e para a que podemos achegar moitas cousas, e máis aínda na compaña do centro tecnolóxico Gradiant, no que confiamos plenamente”. Segundo explicou, o nome de TEGRA fai referencia directa á importancia estratéxica e defensiva do monte galego do mesmo nome, na Guarda, que acubillaba un dos nosos castros máis referenciais e que meirandes posibilidades de vixilancia fornecía.
Luis Pérez Freire, pola súa banda, sinalou que “para Gradiant é un orgullo xogar este papel en materia de ciberseguridade da man de Telefónica, con quen mellor?”. Tamén expresou a súa total confianza na continuidade do proxecto conxunto: “Esta é a primeira pedra dun camiño que será longo”. A continuación, os investigadores das dúas entidades deron a coñecer múltiples detalles relevantes sobre o centro galego de ciberseguridade. Por exemplo, que funcionará como “un polo de atracción TIC en Galicia, atraendo talento de dentro e de fóra da nosa terra”; ou que se convidará ás empresas a que presenten de maneira regular as súas demandas e necesidades en materia de protección tecnolóxico-dixital.
Asemade, enumeraron os diferentes bloques dos que constará TEGRA: en primeiro lugar un de prevención, en segundo lugar un de identidade (desenvolvendo conxuntamente tecnoloxías avanzadas e cen por cen eficaces de recoñecemento), en terceiro lugar un bloque de información a gran escala (o que se coñece como Big Data, un concepto clave para acadar a máxima intelixencia nos sistemas de protección que se agarda desenvolver) e en terceiro lugar un bloque de laboratorios.
Segundo se fixo saber, TEGRA nace no marco da unidade mixta de investigación IRMAS (Information Rights Management Advanced Systems), cofinanciada polo Programa Operativo FEDER 2014-2020 da Unión Europea, que promove o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a investigación de calidade.
Os obxectivos
O obxectivo de TEGRA Cybersecurity Center é “desenvolver produtos e servizos para mellorar a seguridade da información das empresas mediante técnicas criptográficas avanzadas, deseñar mecanismos de comprobación da identidade no acceso á información e ferramentas de análises de datos, ademais de sistemas de clasificación de documentación e de detección de accesos irregulares á información”. TEGRA xerará tamén alianzas estratéxicas que permitan ampliar a seguridade das empresas, colaborando con organismos e entidades como a Comisión Europea, CyberThreat Alliance, Europol, INCIBE, a Organización de Estados Americanos (OEA) e a European Cyber Secutiry Organisation (ECSO), da que Telefónica e Gradiant son socios.
Outro dos obxectivos de TEGRA é xerar emprego en I+D+i en Galicia. Asemade, encamíñase a emprazar a nosa terra no epicentro da actividade tecnolóxica en protección dixital. “Ante o avance das ameazas mundiais en ciberseguridade”, sinalouse hoxe, “TEGRA sitúa a Galicia nunha posición de relevancia na política europea nesta materia, en consonancia coa Estratexia Europea de Ciberserguridade”.
O centro arrinca a súa actividade con 32 especialistas e dúas oficinas, unha na sede de Gradiant en Vigo e outra na sede de Telefónica na Coruña. A operadora e o centro tecnolóxico participan no novo centro cun investimento semellante: 1,2 millóns de euros por parte de Telefónica e 1,1 millóns por parte de Gradiant, e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) fornece máis de 678.000 euros. No ámbito organizativo, o centro TEGRA estará co-dirixido por Juan Elosua, procedente de Telefónica-ElevenPaths, e Juan González, de Gradiant.

PUBLICIDADE