Nace unha web que permite percorrer virtualmente os principais parques de España

mércores, 30 de maio do 2012 Raquel Noya

Imaxe dos Jardines del Real – Viveros, de Valencia

A Asociación Española de Parques e Xardíns Públicos (AEPJP), vén de pedirlle a Microsoft que lle bote unha man no seu labor de achegarlle á comunidade internauta información sobre os parques das principais cidades españolas, de maneira que esta poida acceder directamente a eles, vía Internet, e comprobar se merece ou non a pena a súa visita.
Microsoft, que non se negou a tal iniciativa, prestoulle a súa tecnoloxía Windows Azure á Asociación, coa que construíron a plataforma Vivir los parques, unha web que non só lle permite ao internauta descubrir estes espazos mediante visitas virtuais, senón que tamén achega datos complementarios como a temperatura real, os lugares máis interesantes da zona, ideas para gozar do parque ou mesmo curiosidades sobre cada sitio clasificado.
Isto, segundo afirman, “foi a semente para crear unha comunidade dixital e potenciar unha mensaxe de sustentabilidade medioambiental”, “tan necesaria hoxe en día”, engaden.
Os primeiros parques que xa teñen o seu espazo neste portal e que xa poden percorrerse de xeito virtual son: Roserar del Parc de Cervantes e Parc del Poble Nou, de Barcelona; Jardines del Real – Viveros, de Valencia; o Bosque de las Olas, de Huesca; o Parque Fluvial de Pamplona e o Parque del Agua de Zaragoza, aos que en breve haberá que engadirlle outros xardíns importantes de Sevilla, Cidade Real, As Palmas ou Córdoba, entre outras cidades.

PUBLICIDADE