Nacen dez empresas culturais e innovadoras da man da Cámara de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura

mércores, 15 de xullo do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia clausuraron este 14 de xullo a última edición do seu programa de creación e consolidación de industrias culturais e creativas, que se impartiu de forma gratuíta para vintecinco alumnos no Centro de Emprendemento do Gaiás do 13 de abril ao 5 de xuño. A iniciativa dirixiuse, en palabras dos seus responsábeis, “a vestir as ideas empresariais relacionadas coas artes, teatro, música, danza, os sectores audiovisual e editorial, e mesmo as actividades ligadas ás novas tecnoloxías e ao deseño”. Os participantes adquiriron coñecementos para crear unha empresa cultural “cun enfoque creativo” e novos modelos eficientes de financiamento e xestión destinados a actualizar os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos culturais.
O programa, dirixido a empresarios e responsábeis de pequenas empresas culturais e creativas, desenvolveu contidos sobre administración da empresa cultural, mercadotecnia e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidades, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas. Constituíronse en inicio un total de dez empresas.
Na clausura, o emprendedor Lois Guillán Santamaría explicou ao asistentes os segredos de Cucuducho, unha empresa de venda en liña de produtos para nenos e nenas de máis de tres anos. Máis polo miúdo, Cucuducho centra o negocio na venda de móbeis e artigos de decoración e xoguetes. “A diferenciación é o deseño, fabricación e historia que hai por detrás de cada unha das creacións”, sinalou o emprendedor.

PUBLICIDADE