Narón achega á cidadanía oito cursos TIC e un obradoiro sobre videoxogos

mércores, 29 de agosto do 2018 Redacción

O Concello de Narón vén de informar de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar en oito cursos CeMIT e máis un obradoiro xuvenil da axencia AMTEGA, a desenvolver en Xuvia. Esta información foi achegada pola concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, quen lembrou que con cargo a financiamento íntegramente municipal destínanse neste último cuadrimestre do ano uns 7.000 euros ao Programa Municipal de Formación en Novas Tecnoloxías, que abrangue unha actividade de 2.100 horas ao ano.
Respecto dos oito devanditos cursos, son os seguintes: Busca de emprego en Internet; Internet e correo electrónico; Tratamento de textos; Follas de cálculo; Bases de datos; Presentacións gráficas; Iniciación á contabilidade e facturación e Presentacións dixitais eficaces. Hermida recordou que poderán asistir un máximo de doce persoas por curso.
O curso de Busca de emprego en Internet (48 horas) impartirase do 17 de setembro ao 2 de outubro; o de Internet e correo electrónico (30 horas) será do 3 ao 15 de outubro; o de Tratamento de textos (50 horas) do 16 de outubro ao 2 de novembro: o de Follas de cálculo (50 horas) do 5 ao 21 de novembro; o de Bases de datos (40 horas) do 22 de novembro ao 7 de decembro, e o de Presentacións gráficas (30 horas) do 10 ao 19 de decembro. Os citados cursos desenvolveranse en horario de mañá, entre as 9.30 e as 13.30, se ben pola tarde, de 16.00 a 20.00 serán os de Iniciación á contabilidade e facturación (200 horas) do 17 de setembro ao 28 de novembro, e Presentacións dixitais eficaces (48 horas), do 29 de novembro ao 17 de decembro.
Segundo informou a edil, as persoas que desexen anotarse nas ditas actividades deberán darse de alta na web CeMIT para acceder logo ao espazo propio da aula de Narón, onde poderán ver tódalas iniciativas formativas que se desenvolverán no centro localizado en Xuvia e reservar praza.
Hermida tamén recordou que a partir do vindeiro luns, 3 de setembro, reabrirase a Aula CeMIT de Xuvia –de 11.30 a 13.30 horas- co que “tamén se poderá solicitar nas instalacións axuda para realizar os trámites oportunos para solicitar os citados cursos”.
A través deste mesmo sistema, apuntou a edil de Novas Tecnoloxías, poderase solicitar a participación no obradoiro xuvenil Crea o teu personaxe de videoxogo ou película, impulsado a través de AMTEGA. A convocatoria, que se dirixe a rapazas e rapaces de 14 a 18 anos, celebrarase o 14 de setembro en horario de tarde, de 15.00 a 21.00 e a participación está limitada a un máximo de quince persoas.

PUBLICIDADE