Narón celebrou en Nadal un programa de Informática Divertida para dúas ducias de rapaces

luns, 8 de xaneiro do 2024 S. P.

A alcaldesa da Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Novas Tecnoloxías, Román Romero, desprazáronse o pasado venres 5 de xaneiro á Aula CeMIT de Xuvia con motivo do remate das sesión do programa Informática Divertida, INDI Nadal. Ferreiro recordou que se trata dunha convocatoria que ofertaba 24 prazas para a Aula CeMIT, en quendas de mañá e tarde, e dez para cada local social das parroquias naronesas.
“Este programa está pensado para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral e, ao mesmo tempo, para que as nenas e nenos de entre 8 e 12 anos poidan divertirse dun xeito tamén formativo, coas novas tecnoloxías”, destacou. Un total de doce menores participaron nas sesións impartidas na dita aula, se ben na zona rural completáronse os grupos do Val (con tres rapaces de Sedes) e de Castro.
Dende o pasado 22 de decembro e até o 5 de xaneiro, período no que se desenvolveu o programa, as nenas e nenos aprenderon a programar con Minecraft e Star Wars e Frozen e tamén deseñaron tarxetas de Nadal, cómics dixitais e realizaron tarefas de mecanografía e Realidade Virtual.
“É un programa que se iniciou hai varios anos e que convocamos no Nadal e na Semana Santa, coincidindo cos períodos das vacacións escolares e cunha finalidade lúdica e, ao mesmo tempo, didáctica”, recalcou a alcaldesa.
Ferreiro e Romero interesáronse ante os participantes da Aula CeMIT polo resultado desta convocatoria, co fin de coñecer a súa impresión sobre o mesmo. Así mesmo, dende o Concello valorouse o feito de ofrecer “esta oportunidade para que os menores desfruten dunha proposta de balde nestas datas de Nadal”.

PUBLICIDADE