Neelie Kroes quere eliminar o roaming en Europa

xoves, 30 de maio do 2013 Marcus Fernández

Esta mañá a vicepresidenta da Comisión Europea e responsable de Telecomunicacións, Neelie Kroes, nun discurso ante a Eurocámara pediu que se chegase a un acordo no prazo dun ano para establecer novas normas que eliminen o recargo que as compañías de telefonía móbil aplican polo seu uso en itinerancia dentro da Unión Europa asegurando que “non podemos permitir en Europa os incontables, innecesarios e artificiais obstáculos colocados no camiño dun único mercado das telecomunicacións”.
A intención de Kroes é que, antes de rematar 2014, sexa posible moverse por Europa sen ter que padecer custos adicionais nas nosas tarifas móbiles, á vez que tamén instou a desenvolver medidas que poidan garantir a neutralidade da Rede para protexer á cidadanía europea.
Este paquete de medidas no ámbito das telecomunicacións pretende estimular a economía eliminando barreiras, e facilitar que Europa fágase dixital, pois actualmente as telecomunicacións son transversais, e a cidadanía en xeral ten moitas esperanzas postas nas mesmas. Chega incluso a dicir que aínda que o seu discurso poida parecer “radical”, é preciso acadar tal compromiso ante o desastre económico actual ante o que hai que responder cunha Europa máis forte.

PUBLICIDADE