Netflix dá pasos en accesibilidade da man do investigador Pablo Romero (UVigo)

luns, 4 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A comunidade de usuarias e usuarios da plataforma de contidos audiovisuais Netflix medra con cada segundo que pasa, ao igual que tamén se incrementan o catálogo de películas e series e os servizos para os membros da comunidade. Porén, cómpre facer acelerar as medidas que faciliten que Netflix sexa un acubillo dixital cen por cen inclusivo. O investigador Pablo Romero Fresco (Universidade de Vigo) desenvolveu unha innovación chamada Accesible Filmmaking que, facilitando o subtitulado e a audio-descrición accesíbel, pode axudar á plataforma a dar pasos na devandita materia pendente.
A orixe do traballo de Pablo Romero, director do grupo GALMA (Galician Observatory for Media Accesibility) da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, amais de tradutor de formación e director de cinema, está na constatación da existencia de innumerábeis condicionantes negativos para o desfrute de películas e series dobradas en linguas que non son as orixinais destas películas e desas series. Segundo fai saber, “do mesmo xeito que non se proporía a construción dun edificio sen ter en conta desde o principio que hai que facer un baño adaptado para persoas con discapacidade, chegará un día, con sorte, no que non será excepcional pensar que a tradución e a accesibilidade hai que tela en conta antes”.
Agora, tras 15 anos de traballo no eido da tradución, o investigador desenvolveu un novo modelo que ten en conta, tanto a tradución, como a accesibilidade durante o proceso de produción da película e non na fase de distribución, “como se fai actualmente”, mediante a colaboración entre tradutores e equipo creativo da película. Nisto consiste Accesible Filmmaking, sinala, unha innovación que permite acceder á película a todos os que non coñecen a lingua orixinal, ben porque non saben o idioma, ou porque non poden escoitar ou ver. “Para iso propoñemos a figura dunha directora ou director de tradución e accesibilidade que forme parte do equipo da película, do equipo de produción”, explica Romero, que na actualidade asesora a Netflix para a adopción do modelo de produción audiovisual accesíbel.
Romero lembra que inicialmente Netflix só ofrecía contidos en inglés, para logo incorporar aos seus produtos audiovisuais, a través da súa ex-alumna Denise Kreeger, a tradución, pero non a accesibilidade. “Foi entón cando lle fixen chegar a Denise a miña película Unindo puntos e ela proxectouna ante os seus xefes en Netflix para convencelos de que tiñan que ser uns abandeirados da accesibilidade e dende entón comezaron a facer audio-descricións para cegos e subtitulados para xordos”, explica Romero, engadindo que outra ex-alumna súa, Elisa Beniero, incorporouse á empresa para realizar tarefas de directora creativa de dobraxe e audio-descrición.
Máis tarde, Netflix contactou con Romero e coa experta británica Louis Fryer solicitándolles a revisión das directrices de audio-descrición da empresa, que ambos adaptaron, incorporando ademais, recomendacións para que adoptasen “un enfoque máis de Accesible Filmmaking”. Agora Romero acaba de chegar de Hollywood onde, xunto a Fryer, impartiu nas oficinas de Netflix unha formación para os seus tradutores e cineastas con vistas a integrar este enfoque.

PUBLICIDADE