Netflix entra na MPAA como un grande estudio

mércores, 23 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A publicación dos nomeados aos premios Oscar supuxo todo un fito para Netflix, xa que o filme Roma de Alfonso Cuarón non só conseguiu aspirar a Mellor Película, senón que conseguiu converterse na favorita desta edición dos galardóns con 10 nomeamentos. Netflix está detrás doutros 5 nomeamentos, de xeito que convértese no terceiro estudio en nomeamentos, só por detrás da Disney e de Fox Searchlight, o que supón un grande avance.
Temos así que por fin uns premios tan representativos como os Oscar recoñecen o peso que teñen actualmente as plataformas de streaming no sector audiovisual, aínda que nesta liña é aínda máis importante o anuncio de que Netflix converteuse en membro da Motion Picture Association of America (MPAA), de xeito que pasa a ter unha consideración como Disney, Paramount, Sony Pictures, Fox, Universal e Warner, ou sexa, que a industria xa non considera que as plataformas de streaming son unha categoría inferior, e ábrense a elas como un xeito máis de transmitir historias e chegar ao seu público.
Cómpre lembrar que no pasado a MPAA tiña certa visibilidade polas súas actividades anti-piratería, e precisamente o xurdimento de plataformas como Netflix levaron a moitos usuarios a deixar de lado as descargas a través da Rede, polo que cada vez semella máis claro que os intereses de Netflix poden aliñarse mellor coa industria audiovisual que cos xigantes da Internet, especialmente nun momento no que a compañía está máis centrada na creación de contidos que na tecnoloxía que os sustenta.

Que Roma conseguise 10 nominacións aos Oscar é un indicador da revolución que está a vivir o sector audiovisual coa emerxencia das plataformas de streaming

PUBLICIDADE