Netflix prepara unha tarifa Ultra como fórmula para incrementar os seus prezos

mércores, 4 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Aínda que actualmente Netflix en España conta con tres plans de prezos (o Básico, o Estándar e o Premium) con prezos que van dende os 7,99 aos 13,99 euros e con limitacións de 1, 2 e 4 dispositivos simultáneos, semella que a compañía de vídeo baixo demanda quere subir os seus prezos de novo, e para facer tal están a experimentar coa creación dun novo plan chamado Ultra, e que detállase cando tentamos darnos de alta dende España e algún outro país europeo.
O novo cadro de subscricións a Netflix reduciría o número de dispositivos do plan Estándar a 1, o plan Premium limitaríao a 2 dispositivos simultáneos e, finalmente, para manter 4 dispositivos simultáneos (característica moi demandada por usuarios que comparten conta ou a contratan en grupo) habería que facerse co plan Ultra, que custaría 16,99 euros/mes.
Os usuarios actuais non parecen ter aínda dispoñible este cadro de plans de subscrición, e podería seguir así, xa que estamos ante un experimento de Netflix para analizar a reacción dos consumidores. De feito, as condicións destes plans parecen mudar en función do país no que se aplica, e noutros territorios o plan Estándar mantería os 2 dispositivos simultáneos, de aí que poidamos entender que estamos ante unha sondaxe de cara a adoptar novas tarifas nos vindeiros meses.

Publicamente (e dende o panel de control dos usuarios actuais) Netflix aínda conserva as tarifas con 3 plans de subscrición

PUBLICIDADE