NextVision advirte en Santiago que o uso de redes sociais no traballo sube nun 70% o risco de ataques en liña

mércores, 19 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Roberto Heker, socio director de NextVision durante a presentación do informe

A Rede e a vida, entre outras moitas cousas, coinciden na seguinte máxima: somos escravos do que dicimos. Isto ten inconvenientes, especialmente claros se os datos que ceibamos pola boca son de importancia para a nosa integridade ou da nosa empresa, pero en ningún caso quere significar que teñamos que ficar calados. Internet está aí para que tiremos proveito dela, incluídas as redes sociais, pero se cadra non estaría de máis ter en conta unha serie de precaucións. Esta, entre outras, foi a mensaxe que lanzou este mércores en Santiago a empresa NextVision dende a súa sede na rúa Doutor Teixeiro, compañía ligada á asociación galega Ineo que dedica unha boa parte dos seus esforzos a asesorar a empresas e institucións en materia de seguridade informática e de xestión dos seus datos (incluída a Universidade de Santiago, tal e como se anunciou hai uns meses).
O informe achegado por NextVision baséase en datos xenéricos (o moito que medra en España o uso das redes sociais, co 75% dos internautas tirando proveito delas) e outros máis específicos (as/os galegas/os estamos á cabeza no emprego destas ferramentas, cunha taxa do 78%, polo que cumpriría unha achega especial de tino no seu uso).
Entre toda esta información, salienta a seguinte realidade-advertencia: arestora, acceder ás canles 2.0 dende o traballo incrementa nun 70% o risco de sermos vítimas dun ataque en liña.
O informe de NextVision, que xa avanzamos onte mesmo dende esta páxina web, foi presentado na sede de Compostela por Roberto Heker, socio director da empresa, quen aproveitou a ocasión para lembrar que os ricos non queren dicir nin moito menos que se deixen de usar estas redes (ás que cualificou de útiles e atractivas) e máis para achegar unha serie de recomendacións sobre o seu emprego seguro. Como dixemos, Heker foi do xenérico ao específico, comezando a súa exposición coa realidade en liña que a día de hoxe nos toca vivir, unha realidade con redes sociais relativamente novas (a fórmula ten 15 anos de existencia) pero xa ben asentadas, todas elas partindo da base da seguinte máxima: como moito, hai seis persoas de distancia entre unha outra. Arestora, engadiu, existen unhas 200 redes sociais difundidas, algunhas corporativas (onde as empresas divulgan os seus produtos) e outras de carácter máis aberto e xenérico. Nelas, non todos os usuarios son reais. Tense constatado a existencia de perfís que responden de maneira directa a roubos de identidade. Un exemplo disto, dixo, foi o que lle aconteceu hai ben pouco ao cantante Alejandro Sanz no Twitter (unha das redes sociais de meirande pulo), onde se aproveitou o seu nome e a súa significancia para proferir insultos contra un mandatario latinoamericano. Con todo, os ataques non son todos desta índole, poden ser de moi diversos tipos, dende roubos de información corporativa a envíos de correo lixo, pasando por subministro de códigos maliciosos. “Hai estudos”, sinala NexVision, “que certifican que un terzo dos internautas que reciben unha ligazón cara a imaxes, acaban por acceder a elas, sen ter en conta as mínimas recomendacións de seguridade”.
Sobra dicir que no sitio ao que se nos redirecciona, pode haber de todo.
Estas serían as recomendacións básicas:
· Separar o perfil persoal do profesional na nosa conta das redes sociais.
· Non admitir a amigos descoñecidos.
· Axustar os niveis de privacidade.
· Manter os antivirus actualizados (requirimento básico que non sempre se segue).
· Non abrir ficheiros descoñecidos de xente descoñecida, pero tamén coñecida.
· Non subministrarlle a ninguén os nosos códigos de acceso PIN. Se o facemos, en liñas xerais estariamos a picar no anzol dos internautas que practican a técnica do phishing.
Datos galegos
Como dixemos, está en cabeza a nivel estatal no uso de redes sociais, máis polo miúdo no cuarto lugar do ranking, a piques de ir alén do 78% no que se refire a internautas que tiran proveito destas canles. As redes sociais, indica NextVision, forman parte xa dos hábitos cotiáns do 20% dos usuarios galegos que acceden, sobre todo, na busca de lecer e de comunicación con outras persoas. “É precisamente na fase de participación destes usuarios nas redes sociais”, sinala a empresa, “cando se rexistra un dos intres máis críticos para a seguridade debido á tendencia a publicar excesiva información e a que as redes sexan hoxe un medio eficaz para a distribución de códigos maliciosos, correo lixo ou ataques de suplantación de identidade co fin de roubar datos ou cartos, e cando este acceso se leva a cabo dende o posto de traballo ponse en risco un dos valores estratéxicos das empresas”.

PUBLICIDADE