Nintendo asegura que haberá Wii de abondo para o Nadal

luns, 6 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Se cadra en directa relación co cambio climático (esta confusión de estacións), se cadra porque se nos vai a vida (e nunca mellor dito) en vender e mercar, o certo é que con cada ano que pasa fálase do Nadal e respírase certo aire do Nadal un anaquiño antes. Chegados a este punto, case poderíamos dicir que a concorrencia xeneralizada de consumidores está xa presta a facer o que sexa preciso para asegurarse certos produtos. De entre todos eles, destaca cada vez máis algún que outro tecnolóxico, e máis polo miúdo algún encamiñado ao lecer dos máis pequenos (e dos maiores que, coa escusa de agasallar aos cativos, termamos das consolas de videoxogos coma as inmobiliarias do seu treito de costa). Ironías aparte, o caso é que dende a casa responsable (Nintendo) dun dos galanos estrela da tempada, a Wii, están xa a darlles acougo aos nerviosos do mercado dixital.
O caso é que segundo informa The New York Times, haberá Wii abondas para a vindeira festividade.
A idea de Nintendo é dupla: cubrir aos consumidores e cubrirse ela. É dicir, que o que pretende é evitar a leria dos anos anteriores de xente á procura da consola a última hora e sen atopala por ningures, dándose tamén unha oportunidade a si mesma asegurándose maiores beneficios. A nova é oficial: a casa Nintendo anunciou xa que incrementará de xeito importante os envíos de consolas para que non volva a pasar o mesmo que todos os invernos.

PUBLICIDADE