Nintendo facilita a publicación en liña de vídeos dos seus xogos

xoves, 29 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que os vídeos de gaming son cada vez máis habituais e populares, teñen serios problemas de cara á xestión do copyright, xa que os xogos pertencen ás súas marcas, e estas poden limitar o que se publica empregando a súa propiedade intelectual, de aí que Nintendo lanzase hai tempo un programa de creadores para intermediar na explotación económica dos vídeos relativos aos seus xogos, pero o inminente lanzamento de Super Smash Bros. Ultimate levounos a reflexionar sobre a agresividade desta medida e decidiron relaxar as súas condicións.
Nintendo ten agora unhas novas normas relativas á utilización de contidos dos seus xogos en plataformas audiovisuais en liña, de xeito que de seguir certas pautas non obxectarán ao uso de capturas de vídeo ou pantalla dos seus xogos. Basicamente Nintendo permite agora a creación de contido orixinal baseado nos seus xogos, ou sexa, que o que non permite é que os usuarios repliquen sen aportar nada material da propia Nintendo (como tráilers dos xogos), senón que teñen que realizar algún tipo de aportación nas súas producións como, por exemplo, engadir comentarios o opinións ás partidas. Iso si, só aceptarán o compartir capturas sen comentarios cando se realice a través do propio botón de captura da Nintendo Switch.
Estas normas permiten así que os usuarios poidan tirar proveito económico dos vídeos que compartan en Facebook, Twitter, YouTube ou Twitch, sen ter que chegar a un acordo previo con Nintendo, aínda que si será precisa a autorización pertinente de vender contido creado, publicado ou transmitido que inclúa contido de xogos de Nintendo máis aló das plataformas en liña recoñecidas pola compañía nipoa.
En calquera caso Nintendo resérvase o dereito de borrar calquera vídeo que consideren que vulneran as súas normas ou inclúa contidos ilegais ou inapropiados.

PUBLICIDADE