Nintendo presenta un novo xogo de Zelda para DS

xoves, 26 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A participación de Nintendo na GDC foi toda unha sorpresa, especialmente polo anuncio do lanzamento do xogo Zelda: Spirit Tracks, que chegará para Nintendo DS facendo uso do motor gráfico de Zelda: Phantom Hourglass, e retomará así unha franquía viva dende hai 22 anos, e que entre as súas distintas entregas destaca Zelda: Ocarina of Time para Nintendo 64, que está considerado por moitos coma o mellor xogo da historia.
Na nova aventura o valente Link moverase nunha locomotora de vapor, o que resulta un tanto sorprendente para o mundo fantástico no que se desenvolven as aventuras deste simpático elfo; aínda que as grandes novidades presentadas por Nintendo estarían un tanto afastadas da súa consola portátil, e centraríanse na Wii, consola que está a piques de superar os 50 millóns de unidades en todo o mundo e que contará cunha nova prestación para potenciar a descarga de xogos: a posibilidade de gardar xogos descargados de WiiWare, títulos para a Consola Virtual ou Canles directamente en tarxetas de memoria SDHC, pasando así do anterior topa de 2 Gb de almacenamento externo ata os 32 Gb, o que abren moitas posibilidades ao usuario. Esta nova prestación está incluída na actualización do sistema de menú da Wii (xa dispoñible para a súa instalación).
Nos últimos meses rumoreábase a posibilidade de que a Wii puidese incorporar un disco duro para atender á crecente demanda de contidos descargables, pero finalmente optaron polas tarxetas SDHC, que actualmente teñen uns prezos bastante axustados (agás os modelos de maior tamaño), deixando claro que non queren competir coa Xbox 360 e a PS3 como centros multimedia e tendas de contidos de vídeo.


Trailer debut de Zelda: Spìrit Tracks

PUBLICIDADE