No Portal da Lingua todo o relativo ás probas CELGA, convocadas para a segunda metade de novembro

martes, 25 de outubro do 2022 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García vén de confirmar que as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis CELGA 4, 3 e 2 celebraranse finalmente nas fins de semana do 19 e 20 e 26 e 27 de novembro. Así o indica a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se fixan as datas de realización das ditas probas, que se desenvolverán simultaneamente en Santiago de Compostela e Ponferrada.
Deste xeito, os exames para a obtención do CELGA 4 realizaranse o sábado 19 de novembro para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido comece por unha letra comprendida entre o T e o G e o domingo 20 para o resto. Pola súa parte, as probas para a obtención do certificado nivel 3 e do nivel 2 desenvolveranse os días 26 e 27 de novembro, respectivamente, para todas as persoas admitidas.
Os centros e horarios de realización das probas, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade, poden consultarse no Portal da Lingua Galega. Asi mesmo, nesta web tamén se publicará, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita.
Respecto da proba oral de cada nivel CELGA, Política Lingüística lembra que esta será o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta na que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como no Portal da Lingua Galega, unha vez remate a proba escrita.

PUBLICIDADE