Noia estrea pantalla con información municipal na rúa Rosalía de Castro

xoves, 10 de febreiro do 2022 S. P.

Esta semana a vila de Noia tivo ocasión de estrear un punto de información municipal innovador de utilidade para a cidadanía e para o tecido empresarial local: unha nova pantalla dixital Signage emprazada no centro da vila, na rúa Rosalía de Castro, a carón do Instituto Virxe do Mar de Noia, dende que se achegarán datos de interese (actividades culturais, campañas comerciais, promocións, avisos, reclamos) a veciños e visitantes.
A pantalla foi inaugurada polo alcalde Santiago Freire e a concelleira de Comercio, Laura Salgado, xunto con Mari Carmen Vázquez e Francisco Pérez, representantes da Asociación Noia Historia. Trátase, en palabras do Concello, “dun punto de información para toda a cidadanía, así como un espazo para a promoción das nosas empresas”. O Goberno local e a patronal quixeron agradecer ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) a súa colaboración para poñer en marcha esta nova ferramenta. Noia Histórica debullou en catro puntos as características principais da pantalla:
-Un punto de información novidoso e dinámico.
-Un espazo de promoción para empresas.
-Un motivo máis para pertencer a Noia Histórica
-Un plus para Noia.

PUBLICIDADE