Nokia anuncia que pechará a súa planta en Alemaña e prescindirá de 2.300 traballadores

martes, 15 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Máis do mesmo. Para unha boa parte das grandes corporacións tecnolóxicas que tiñan até o de agora as súas plantas de fabricación en países desenvolvidos, o feito de que existan outros nos que a man de obra sexa máis barata debe ser como escoitar a todas as horas a canción da serea. Ou coma ter un proído no lombo e non poder rañar nel. O caso é que Nokia, o principal subministrador de teléfonos móbiles do planeta, vén de anunciar que non pode continuar tendo operativa a sede de Bochum, en Alemaña, ó non ser competitiva.
Resultado (informa Reuters): vaina pechar a mediados deste mesmo ano e, en consecuencia, prescindirá moi probablemente de 2.300 postos de traballo.
O motivo de todo isto? Pois que en Romanía, país onde xa está radicada unha boa parte das plantas de Nokia, hai que pagar menos polo mesmo traballo. Sexa como sexa, a decisión do traslado xa se ulía ó lonxe, posto que a empresa anunciou en marzo o pasado a súa determinación de instalar no país da Europa do leste un novo complexo de fabricación, dispoñendo para iso de 60 millóns de euros de investimento.

PUBLICIDADE