Norton achega consellos para protexer o noso ordenador en San Valentín

luns, 14 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O día dos namorados é, segundo nos advirten dende a firma de seguridade online Norton, “un día de trampas”, no que os spammers e demais ciberdelincuentes que hai espallados pola Rede, aproveitan para facer a súa festa particular a costa de enganar aos namorados ou namoradas con boa fe.
Norton asegura que este tipo de delincuentes “están preparados para o día de San Valentín” con mensaxes relacionadas a tarxetas de felicitación, obsequios, bos desexos e ofertas que buscan tentar aos internautas.
De feito, os titulares que máis se repiten neste tipo de correos maliciosos son: “regalos persoalizados polo día de San Valentín”, “os mellores regalos para San Valentín”, “incribes reloxios de deseñadores”, “róuballe o alento”, “un agasallo orixinal en San Valentín”
Con estas mensaxes, os hackers promocionan ofertas falsas de produtos a prezos con desconto, porén, a URL que se inclúe na mensaxe, redirecciona ao usuario ou usuaria a un sitio malicioso que solicita información persoal para supostamente completar a compra ou o envío.
Norton sinala, asemade, ter detectado correos falsos na rede social Facebook, e tanto para estes casos como para os anteriores, recomenda “non abrir correos electrónicos ou documentos adxuntos sospeitosos, nin responder a correos electrónicos que soliciten información persoal”.
Tamén recomenda empregar “unha solución de seguridade actualizada”, “empregar contrasinais seguras cunha combinación de letras e números” e “non proporcionar información sobre tarxetas de crédito a sitios pouco seguros”.
A estas recomendacións hai que engadirlle as que se deben levar a cabo durante todo o ano, que son as de “non proporcionar información sobre tarxetas de crédito a sitios pouco seguros”, “revisar as https:// na parte superior do buscador e comprobar que teñen o símbolo do candado na parte inferior dereita da pantalla” e “examinar periódicamente as contas bancarias e as tarxetas de crédito para detectar transaccións perigosas”.

PUBLICIDADE