Nova Galicia achega recursos para non caer no mono tecnolóxico

xoves, 21 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A editorial Nova Galicia estivo os días pasados presentando as súas novidades en Compostela (na imaxe, no Club Internacional de Prensa), e case todas elas comparten o mesmo alicerce: a preocupación polos males actuais da sociedade e a vontade de achegar algunha que outra resposta. Non en van, os novos títulos forman parten dunha serie, polo que é razoable que haxa unha raizame común. A serie chámase Saber para Vivir, e dentro da colección trátanse temas que tocan de preto a esta web, como por exemplo a adicción ás novas tecnoloxías ou a globalización, que son, digámolo así, o reverso negativo desta cousa na que estamos enleados e que se vén chamando “Sociedade do Coñecemento”.
O caso é que o catálogo, coordinado e dirixido por Elisardo Becoña, vai encamiñado principalmente ás principais vítimas en potencia dos males devanditos, amais de outros como a violencia escolar ou as drogas: os mozos e as mozas. Os libros, que segundo apuntou Nova Galicia van desprovistos de todo aquilo que poda ser un atranco na comunicación directa co lector, son breves (52 páxinas) e directos. Dentro da serie, sinalar que o de A Globalización foi elaborado por Elisardo Becoña (catedrático de Psicoloxía Clínica na USC) e por José Manuel Vázquez (catedrático de Prehistoria na USC), tocando cuestións como a evolución na historia do transmisión do coñecemento (da imprenta ós ordenadores) ou os aspectos positivos e negativos do proceso globalizador.
Polo que respecta ó volume Adicción ás Novas Tecnoloxías, sinalar que vai dirixido a achegar respostas ó problema dun emprego excesivo das ferramentas dixitais, cuestión que desencadea xeralmente un desleixo pola vida escolar ou familiar, unha arela de consumismo ou mesmo (de xeito paradoxal) un illamento comunicativo, ó priorizar de xeito unánime todo o que poida vir polo dixital no canto do que chega a través das canles tradicionais (por exemplo: nenos e nenas pechados nas súas habitacións co chat sen buscar máis contacto cos demais ca ese, ou conversas orais interrompidas por unha chamada de teléfono móbil que non ten porqué ser máis importante có que se está a falar, etc.).
A devandita colección de Nova Galicia complétase con volumes sobre a sexualidade, a autoestima, o consumismo ou as emocións, entre outros.

PUBLICIDADE