Nova absolución pola venda de cartuchos de carga para Nintendo DS

mércores, 8 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O ano pasado Nintendo pedía ata 23 anos de cadea para Alejandro Fernández, propietario dunha tenda de informática en Avilés ao que denunciou de distintos cargos que poderían consecuencia da comercialización de cartucho para a Nintendo DS que permiten o uso de xogos pirata a xuízo da compañía nipona, e agora o Xulgado nº 1 de Avilés absolveu ao acusado por considerar que a acusación non achegou argumentos suficientes para determinar que os cartucho vendidos eran ilegais, chegando a criticar o xuíz na súa sentenza que o perito contratado por Nintendo «limítase a afirmar como dogma de fe de obrigada crenza, sen exposición e explicación técnica algunha a vulneración das medidas de seguridade da consola en cuestión».
A sentenza descarta a existencia de delito contra a propiedade intelectual e xustifica tal decisión destacando que os dispositivos comercializados carecen de software, polo que carecen de contidos protexidos pola propiedade intelectual., á vez que lembra a compatibilidade de usos (só sería infracción se os cartuchos denunciados servisen exclusivamente para neutralizar medidas de protección de software).
Tamén considerou que o feito de que os cartuchos teñan o mesmo conector que os cartuchos orixinais non sería ilegal (pois o cartucho en si mesmo é claramente diferenciable) e desbotou a acusación de descubrimento e revelación de segredos ao considerar que corresponden á intimidade das persoas físicas e non a persoas xurídicas.
Remata así unha causa máis que confirma que os chips e os cartuchos que permiten empregar copias de seguridade, xogos importados e moitos outros usos en consolas de videoxogos non constitúen delito.

PUBLICIDADE