Nova cámara para gravar vídeo envolvente estereoscópico

martes, 13 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Os cascos de realidade virtual teñen tamén certo atractivo como reprodutores de vídeo en formato estereoscópico, ou sexa, que achegan unha experiencia para o goce do vídeo en 3D bastante máis satisfactoria da que normalmente pode terse con televisores 3D, por conseguir unha maior inmersión e realismo, e agora que Apple presentou a súa tecnoloxía de computación espacial, Apple Vision Pro, o formato de vídeo promovido por Google hai anos (VR180) podería vivir unha segunda mocidade.
Ante esta situación hai proxectos que queren anticiparse, e ofrecer solucións para crear contidos para un numeroso público que probablemente se introduza no mundo dos cascos de VR nos vindeiros meses, e así temos que o vindeiro día 20 botará a andar en Kickstarter unha campaña de micromecenado para que os entusiastas do vídeo envolvente en 180 graos poidan facerse cunha cámara profesional 3D VR180 Calf.
A cámara Calf consiste nun par de sensores CMOS de Sony con cadanseu obxectivo grande angular de até 185 graos que simulan unha separación intrapupilar de 65 milímetros, de xeito que captan imaxes simulando a visión humana. A cámara tanto pode disparar fotografías envolventes en 8K como vídeo envolvente en 6K (6.144 x 3.072 píxeles), que logo pode reproducirse nun casco de VR dando a sensación de que un está a vivir a acción en primeira persoa ao percibir a profundidade da escena.
A parte traseira da cámara ten unha pantalla táctil de 3,5 polgadas que permite comprobar o que se está a gravar, e a súa batería de 1.650 mAh (que pode substituírse) permite gravar máis dunha hora de vídeo de xeito continuo.
Pero o máis salientable desta cámara estereoscópica é que non só serve para gravar vídeos que logo podemos compartir a través de plataformas como YouTube, senón que, como a imaxe producida non precisa dun cosido posterior mediante software (como si acontece con outras cámaras) é posible realizar retransmisións en directo valéndose da Calf, o que hoxe pode resultar moi atractivo para quen queira crear experiencias para gozar cun casco Meta Quest e para quen queira ir collendo experiencia con esta tecnoloxía mentres vai madurando Apple Vision Pro.
Está previsto que a cámara Calf teña un prezo de venda oficial de 2.099 dólares, pero o día de lanzamento da súa campaña a través de Kickstarter terá un prezo promocional de 1.399 dólares. O prezo pode parecer elevado para ser unha especie de cámara de acción, pero cómpre lembrar que a solución proposta por Canon ten un prezo que está no contorno dos 6 mil euros, polo que os que queiran comezar a producir contidos envolventes estereoscópicos poden considerar máis axeitado adquirir unha cámara Calf.
Cómpre salientar que hai anos había numerosas cámaras de vídeo que gravaban en 360 e 180 graos, pero a súa baixa demanda fíxoas desaparecer do mercado (por exemplo, a Insta360 EVO sería moi semellante á Calf e moito máis económica) polo que parece bastante probable que en poucos meses ese mercado de produtos de electrónica de consumo rexurda e poidamos ver distintas cámaras moi competentes a prezos axustados.

Vídeo promocional da cámara Calf

PUBLICIDADE