Novas tabletas Galaxy Tab A9

luns, 23 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe a súa nova serie de tabletas Galaxy Tab A9, que buscan ofrecer unha boa experiencia a un prezo axustado, e que chegan en dous tamaños de pantalla (8,7 e 11 polgadas) adaptándose así a distintos perfís de usuario.
A tableta máis contida é a Galaxy Tab A9, cunha pantalla de 8.7 polgadas cunha velocidade de refresco de 60 Hz, 4/8 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 1 TB, cámara traseira de 8 Mpíxeles, cámara frontal de 2 Mpíxeles, son Dolby Atmos, batería de 5.100 mAh e unha versión con conectividade móbil 4G.
A Galaxy Tab A9+ é máis ambiciosa, non só por medrar até as 11 polgadas a súa pantalla (que tamén mellora o refresco até os 90 Hz) senón que tamén ten unha cámara frontal de 5 Mpíxeles, batería de 7.040 mAh e, no modelo con conectividade móbil incorpora 5G. Esta tableta está máis orientada á produtividade, de aí que conte con Samsung Dex (que permite un modo de funcionamento semellante ao dun ordenador de sobremesa) e tamén conta coa posibilidade de dividir a pantalla en até 3 partes para maximizar a capacidade de facer varias cousas á vez.
Estas novas tabletas comezan hoxe a súa comercialización nalgúns mercados, polo que prevese que en breve cheguen ás tendas españolas.

PUBLICIDADE