Novo éxito dos investigadores de AtlantTIC no panorama de congresos especializados internacionais

luns, 22 de decembro do 2014 Redacción

O centro galego AtlantTIC, unidade avanzada da Universidade de Vigo para a investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación, segue obtendo importantes distincións alí (ámbito virtual ou xeográfico) onde amosa as súas liñas de traballo e máis os froitos obtidos. Se recentemente falamos dos recoñecementos obtidos no congreso ASMS/SPSC2014 (dúas conferencias simultáneas do ámbito internacional centradas nas comunicacións máis avanzadas), agora os responsábeis do centro tecnolóxico salientan os “excelentes resultados” da participación de AtlantTIC en GlobalSIP e en WIFS. Esta última cita celebrouse na primeira semana de decembro en Atlanta, Xeorxia, Estados Unidos.
O Workshop on Information Forensics and Security (WIFS) é o evento anual de referencia sobre investigación en tecnoloxías forenses e seguridade de información. Este ano, a xuntanza (que vai pola súa sexta edición) celebrouse ao mesmo tempo cá segunda edición do IEEE GlobalSIP, amplo congreso que cobre variados campos do procesado de sinal e información, nas instalacións do campus tecnolóxico de Xeorxia Tech.
Desde AtlantTIC, informa o centro vigués, asistiron seis investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) para presentar cinco artigos de investigación relacionados con seguridade multimedia e seguridade en redes, e que reflicten traballos de investigación baseados en detección de ataques a planificadores en redes sen fíos, análises de tráfico en sistemas de comunicacións anónimas, detección de compresión múltiple en imaxes, deseño de ataques óptimos a detectores forenses baseados en histograma e mecanismos de recifrado proxy para procesamento seguro multiusuario na nube.
Segundo engaden fontes de AtlantTIC, é máis que salientábel o feito de que o centro galego conte con cinco artigos publicados nesta edición da convocatoria internacional, “dado o esixente proceso de revisión ao que se someten os artigos para escoller aos traballos máis selectos e innovadores no devandito eido”. Ademais, confírmase unha taxa de aceptación resultante con tendencia á baixa (inferior ao 40%). Ao fío disto, AtlantTIC destaca que o artigo The optimal attack to histogram-based forensic detectors is simple(x), escrito polos seus investigadores Pedro Comesaña Alfaro e Fernando Pérez González foi galardoado co Best Paper Award, prestixioso premio que o recoñece como o mellor artigo de entre os máis de cen que se recibiron.


PUBLICIDADE