Novo pulo ao programa Sanidade en liña

martes, 21 de xullo do 2009 Redacción

Miguel Sebastián e Trinidad Jiménez asinaron o convenio para o desenvolvemento da segunda fase do programa Sanidade en liña

A ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, e o ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, subscribiron hoxe o convenio marco de colaboración para o desenvolvemento da segunda fase do programa Sanidade en liña, cuxo obxectivo é a implantación de servizos públicos dixitais no Sistema Nacional de Saúde (SNS), no ámbito do eixe de Servizos Públicos Dixitais do Plan Avanza2.
Este convenio dá continuidade ao programa Sanidade en liña, cuxa primeira fase se desenvolve no período 2005-2010, e permite deste modo completar a dotación de infraestruturas e a posta en marcha de novos servizos. O obxectivo final segue sendo mellorar a atención sanitaria que se presta aos cidadáns, utilizando o soporte das novas tecnoloxías para contribuír á mellora da calidade, a eficiencia e a seguridade da atención no Sistema Nacional de Saúde (SNS) en calquera circunstancia e dende calquera punto xeográfico.
En particular, o convenio ten como finalidade a implantación dos proxectos de Historia Clínica Dixital do SNS (así como o das propias historias clínicas autonómicas) e Receita Electrónica do SNS, como elementos esenciais de interoperabilidade no seu ámbito. Ambos os dous proxectos están orientados a poñer a disposición dos cidadáns en situación de mobilidade a información clínico/asistencial que exista sobre eles, o que beneficiará aos 4,5 millóns de persoas que reciben cada ano atención médica nunha Comunidade Autónoma distinta á súa.
As Comunidades Autónomas que o desexen poderán sumarse ao programa Sanidade en Liña Fase II a través da sinatura de convenios específicos co Ministerio de Sanidade e Política Social e a entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
O convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2012, prevé un financiamento estatal de 101,60 millóns de euros, dos que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio achega 55 millóns de euros e o Ministerio de Sanidade e Política Social 46,60. Se todas as Comunidades Autónomas se adhiren ao convenio, a súa achega elevarase a 93,60 millóns de euros, de modo que a contía total para o desenvolvemento de Sanidade en liña se situará en 195,20 millóns de euros ata 2012.

Actuacións previstas

No desenvolvemento da segunda fase do programa Sanidade en liña destacan varias liñas de actuación:
1. Historia Clínica Dixital do Sistema Nacional de Saúde: o convenio prevé a implantación e extensión da Historia Clínica Dixital do SNS en todas as Comunidades Autónomas. Este proxecto de interoperabilidade permitirá mellorar a calidade e seguridade da asistencia, achegando aos profesionais a información de saúde máis relevante dos pacientes e protexendo o dereito á intimidade dos cidadáns.
2. Receita Electrónica do Sistema Nacional de Saúde: o convenio establece a implantación de sistemas de receita electrónica en todas as Comunidades Autónomas. Unha vez que se produza esta implantación, o proxecto de Receita Electrónica do SNS dará no futuro aos cidadáns a posibilidade de retirar coa súa receita electrónica e tarxeta electrónica os seus medicamentos nunha farmacia situada nunha comunidade autónoma distinta a aquela na que se prescribise o fármaco.
3. Accións de difusión e capacitación: poderanse desenvolver accións de difusión e capacitación dirixidas a profesionais e cidadáns para impulsar o uso e mostrar o funcionamento dos novos servizos que se poñan en marcha.
4. Apoio ás CCAA: apoiar o desenvolvemento tecnolóxico das distintas Comunidades Autónomas de forma coordinada a nivel nacional.

PUBLICIDADE